Escoitar

Caballero di que o Campionato de España de tríatlon, con 1.100 inscricións, ten unha dimensión "de rango europeo"

O Concello de Vigo será o patrocinador principal do XVIII Campionato de España de tríatlon, que se disputará en Vigo os vindeiros días 17 e 18 de setembro. Samil será o centro neurálxico aínda que os e as participantes chegarán ata Bouzas e Coia no seu percorrido do segundo sector, a competición ciclista.

mércores, 7 set 2011
1315400481triatlon.jpg
O alcalde da cidade, Abel Caballero, presentou hoxe a proba, cualificándola de "competición de rango europeo e de gran nivel" pola calidade actual que amosa o tríatlon español. Para o rexidor, "o campionato ten unha dimensión deportiva e unha traslación mediática moi importante cun efecto directo na actividade económica da cidade" que a Federación Galega de Tríatlon, organizadora do evento, estima en 600.000 euros de reversión económica.

O Nacional é para todas as categorías (cadete, junior, grupos de edad, elite e sub 23) e tamén de Paratríatlon, cunha presenza estimada de 1.100 participantes e unhas 3.000 persoas en total que virán a Vigo na fin de semana entre competidores e competidoras, adestradores e acompañantes. Algúns xa teñen pensado adestrarse na cidade dende o xoves.

Segundo Caballero informou, "a operación é moi beneficiosa para a cidade" e aplaudiu o pulo do propio secretario de Estado para o Deporte, Albert Soler, para que a competición tivera lugar en Vigo pese a existir inicialmente "algún problema orzamentario; pero Vigo ofertó a súa presenza e hospitalidade" e Samil verá aos e ás mellores. O alcalde dixo na súa intervención en rolda de prensa na Alcaldía que "estamos dispostos a organizar o máximo número de eventos" sempre que "a relación prezo-resultado non sexa descartable. Rexeitamos eventos moi caros e que se cubran a costa do deporte base. Queremos potenciar o deporte de Vigo e competicións cun eco e custo acompasados", manifestou.

Paco Villanueva, presidente da Galega de Tríatlon (FGT), asegurou que o nivel é altísimo pola presenza do vixente campión de España e do mundo, o galego Javier Gómez Noya, ou das olímpicas Ainhoa Murúa, Marta Jiménez ou Ana Burgos. O federativo sinalou que tamén estarán o santiagués Antón Ruanova, subcampión de España absoluto, e o subcampión nacional escolar, o vigués Antonio Serrat, subliñando o bo traballo que se está a facer en Vigo, cidade onde celebrouse no ano 1988 o primeiro tríatlon que se disputou en Galicia. Vigo acolle agora o meirande evento nacional por vez primeira. Villanueva loubou "o esforzo, que nos consta, fai o Concello de Vigo para traer este evento" e anunciou que galegos e galegas "optan aos postos importantes" deste campionato.

O evento desenvolverase no entorno de Samil (sector de natación e de atletismo) e irá ata Bouzas e Coia na proba ciclista segundo as categorías.

O concelleiro de Deportes, Manel Fernández, sinalou no peche do acto que o seu departamento quere axudar a abrir "unha fiestra ao mundo para contribuír ao estímulo turístico e económico da cidade".

Esta fin de semana Javier Gómez Noya competirá en Pequín na emocionante final das Series Mundiais de tríatlon, onde defende o seu título. Inscribiuse para Vigo 2011 este martes e chegará xusto para o Campionato de España. O sábado 17 terán lugar todas as probas menos as de elite e sub 23, programadas para o domingo 18.

Descargar todas as imaxes