Escoitar

O Concello aproba a modificación de crédito para facer fronte á sentenza xudicial de Miraflores

A sentenza obriga a indemnizar con 10,8 millóns polo incumplimento dun convenio urbanístico asinado polo goberno local en 1992. O Pleno da Corporación aprobou hoxe xoves destinar 6 millóns de euros dos remanentes municipais e aprazar tres meses outros 4,8 millóns en investimentos deste ano para dar cumprimento ao mandato xudicial. As inversións afectadas son varias humanizacións de rúas, que entrarán no orzamento de 2012 que o goberno de Caballero prevé ter en vigor o próximo un de xaneiro.

xoves, 8 set 2011
O Pleno da Corporación Municipal de Vigo acordou hoxe xoves aprobar a modificación de crédito para dar cumprimento ao mandato xudicial que obriga ao Concello a indemnizar á promotora Miraflores con 10,8 millóns polo incumplimento dun convenio asinado polo goberno de Carlos Príncipe en 1992.

Tratouse dunha operación urbanística "nefasta e calamitosa", en verbas da concelleira de Facenda, Raquel Díaz, que o actual goberno local fará fronte adicando 6 millóns de euros dos remanentes do Concello e aprazando investimentos deste ano para o seguinte por valor doutros 4,8 millóns.

Coa abstención do PP, socialistas e nacionalistas respaldaron a proposta de diferir no tempo fases das humanizacións da rúa Brasil, Pintor Colmeiro, Martínez Garrido, Ramón Nieto, Doutor Marañón e Menéndez Pelayo, ademais de parques infantís e biosaudables, investimentos que estarán incluidos nos orzamentos municipais de 2012 que o goberno de Abel Caballero prevé ter en vigor o próximo un de xaneiro.

Segundo explicou Raquel Díaz, o goberno local tiña en previsión facer fronte á devandita sentenza e grazas á "boa xestión" económica do mesmo é posible ter seis millóns de remanentes e, no tocante aos investimentos, contar con 40 millóns para executar e a previsión de venda de solo municipal para recuperar os 4,8 millóns aprazados dos deste ano.

O Partido Popular abstívose na votación desta modificación de crédito e indicou que os intereses por ter demorado o pago desta sentenza suman 640.000 euros. O BNG respaldou a alternativa proposta polo goberno de Vigo de manter para este ano as partidas de construcción das escolas infantís e dilatar as humanizacións de rúas ata o próximo orzamento.