Exposición Bibliográfica de Francisco Mantecón no MARCO
A Biblioteca-Centro de documentación do MARCO, Museo de Arte Contemporánea de Vigo, presenta nas súas instalacións unha mostra bibliográfica que reúne unha selección de publicacións da biblioteca do artista e deseñador gráfico Francisco Mantecón. Estes fondos bibliográficos son produto dunha doazón realizada pola viúva do artista, Pilar Barreiro Mosquera, á Biblioteca do MARCO
Francisco Mantecón Rodríguez (Vigo, 1948-2001) é un referente indiscutible no mundo da plástica e o deseño gráfico en Galicia. Cursou a súa licenciatura en Belas Artes na Escola Sant Jordi de Barcelona, e despois de varias estancias en Europa volveu a Vigo, onde se estableceu definitivamente a partir de 1977. A súa traxectoria como artista inclúe numerosas exposicións individuais e colectivas, desenvolvendo unha intensa actividade docente e creativa. Formou parte do grupo ‘Atlántica’ dende os seus inicios, e doutros movementos vangardistas. Dende mediados dos setenta comeza a traballar no deseño gráfico que acentúa as estruturas analíticas, planas, con modulacións de luces sutís, fondos negros e liñas paralelas, sinais de identidade da súa pintura. Cada ano, as bodegas Terras Gauda convoca o Concurso Internacional de Cartelismo Publicitario que leva o seu nome, ao que acuden artistas de todo o mundo.
Para esta exposición bibliográfica, na Biblioteca-Centro de documentación do MARCO realizouse unha coidada selección dos fondos máis destacados da biblioteca de Francisco Mantecón, que inclúen catálogos de Bienais xa descatalogados, libros sobre teoría social da arte, e publicacións específicas sobre deseño gráfico. Despois do labor de catalogación e arquivo, todos os fondos que conforman esta biblioteca están a disposición dos usuarios na Biblioteca-Centro de documentación do MARCO.
Descargar todas as imaxes