Escoitar

O tenente de alcalde di que o Rallye Rías Baixas, que será do 2 ao 4 de xuño, é exemplo dunha "gran organización"

O tenente de alcalde, Santi Domínguez, participou este xoves na presentación da 47 edición do Rallye Internacional Rías Baixas, que percorrerá diversos concellos do sur da provincia de Pontevedra do 2 ao 4 de xuño. O nacionalista afirmou que, como cada ano, este evento é "un gran acontecemento e unha gran organización", xa que este ano acadou a cualificación de internacional e posibilita a participación de 68 equipos.

xoves, 26 mai 2011
1306415000Rally.JPG
Santi Domínguez sinalou que hai diversos factores que teñen xogado un papel decisivo na consolidación do rallye, como son "o gran apoio do público, a colaboración altruísta de moitas persoas e o apoio das diferentes administracións". Destacou asemade que a organización, ademais de bo facer, ofrece algo diferente, como é a ilusión por introducir novos elementos que incremente o atractivo da proba. Finalmente, agradeceu o apoio dos patrocinadores e as administracións, como Deputación e Xunta, presentes no acto.

O presidente da escudería Rías Baixas, Fernando Mouriño, salientou que a competición inclúe un percorrido de máis de 500 quilómetros, dos que arredor de 150 serán cronometrados. Deu conta ademais do programa da competición e sinalou que o 1 e o 2 de xuño terán lugar os recoñecementos e as verificacións administrativas. O 3 de xuño están previstas as verificacións técnicas no Ifevi a primeira hora da tarde e a saída dende a Porta do Sol ás 20.30 horas, así como un pequeno percorrido polo Casco Vello. O venres, 4 de xuño, terá lugar a saída de todos os participantes dende o Ifevi e finalmente a entrega de trofeos será ás 22 horas na Porta do Sol.

O presidente da Federación Española de Automovilismo, Carlos Gracia, asegurou que coa súa presenza quixo apoiar o esforzo da escudería Rías Baixas e amosouse "gratamente sorprendido do apoio que ten o rallye". Lanzou o reto de que no seu 50 aniversario, o rallye sexa campionato de Europa, xa que ao seu xuízo "en Galiza están os mellores organizadores do Estado".
Descargar todas as imaxes