Santi Domínguez anima a visitar o Circuito Boavista e seguir afondando na promoción conxunta de Vigo e Porto

O tenente de alcalde e concelleiro de Turismo, Santi Domínguez, participou este mércores na presentación en Vigo do Circuito Boavista, que terá lugar na cidade de Porto durante dous fins de semana, do 17 ao 19 de xuño e do 1 ao 3 de xullo. O nacionalista animou aos vigueses e viguesas a presenciar "este fenomenal evento", que ao seu xuízo amosa "o espíritu que nos ten que levar á promoción conxunta das dúas cidades".

mércores, 25 mai 2011
1306329067Boavista.jpg
Tras dar a benvida aos representantes da "cidade irmán de Porto", entre os que se atopaba o seu concelleiro de Turismo, Vladimiro Feliz, Santi Domínguez, dixo estar "encantado de colaborar na promoción deste circuito e a festa grande de San Xoán". Destacou que o turismo é un sector moi importante na economía da Eurorrexión Galiza-Norte de Portugal, polo que considerou necesario "seguir afondando" nas relacións entre Vigo e Porto.

O Circuito Boavista celebrarase durante dous fines de semana separados polas festas de San Xoán: o Gran Premio Histórico de Porto, do 17 ao 19 de xuño, e as probas de World Touring Car Championship, entre o 1 e o 3 de xullo. Ao respecto, o tenente de alcalde comentou que está estreitamente relacionado co Racingshow, recentemente celebrado no recinto feiral de Vigo. Desexou "os maiores dos éxitos ás festas e ao Circuito para que Vigo e Porto estean no lugar que lle corresponde, que é o mellor lugar", afirmou.
Descargar todas as imaxes