Escoitar

Vigo recupera a bandeira azul para o Vao

luns, 3 xuñ 2002
imx1499.jpg
Praia do Vao
A bandeira azul volverá ondear este ano na praia do Vao despois de que este areal a perdera hai catro anos. A Asociación Europea para a Educación Ambiental e do Consumidor outorgou de novo esa distinción a este areal vigués, que se suma así á praia de Rodas, en Cíes, e á praia da Punta, en Teis.

O Concello adoptou nos últimos anos diversas medidas para mellorar as condicións hixiénico sanitarias e de seguridade da praia do Vao. O areal estará este verán convenientemente balizado, contará con servicios de socorristas titulados e con varios quioscos de madeira con servicios hixiénicos conectados á rede de saneamento. Estas accións, unidas á excelente calidade das augas desa zona do litoral vigués, facilitaron a recuperación da bandeira azul.

O Concello vai implantar este verán dotacións semellantes ás do Vao noutras praias do municipio co obxectivo de aumentar o vindeiro ano o número de bandeiras azuis. As análises realizadas durante os últimos meses polo laboratorio municipal para comprobar a calidade das augas de baño deron como resultado o estado óptimo de todas as praias do concello.
Descargar todas as imaxes