Escoitar

Duplícase o presuposto destinado ó programa de creación de empresas

luns, 3 xuñ 2002
A Comisión de Goberno aprobou esta mañá, a proposta do concelleiro de Desenvolvemento Local e Emprego, Delfín Fernández, a convocatoria para este ano 2002 das axudas municipais á creación de empresas cun importe total de 150.250 € a distribuír entre os solicitantes, incrementando en máis do dobre o montante do pasado ano. Ademais este programa de axudas, como novidade, primará este ano ós emprendedores que sexan universitarios sen emprego anterior, incrementando en 300 € o importe da subvención.

O obxectivo deste tipo de axudas, creadas no marco do Plan municipal de emprego, é apoiar novos proxectos empresariais xeradores de emprego, como unha vía efectiva para a loita contra o desemprego. Poden acollerse a esta convocatoria os empresarios individuais e as pequenas e medianas empresas, independentemente da súa forma xurídica, constituídos no período comprendido entre o 1 de novembro do 2001 e o 31 de xullo de 2002.

Este “Programa de axudas municipais á creación de empresas” constitúe un recurso complementario das axudas dispostas por outras administracións para o autoemprego. Desta forma, a Concellería de Desenvolvemento Local e Emprego reforza o Servicio de asesoramento a emprendedores (SAE), xa que ademais de apoio técnico, conta unha ferramenta máis para converte-las inciativas de autoemprego, principalmente as promovidas por desempregados, nunha realidade.


BALANCE DA CONVOCATORIA 2001


O pasado ano 2001 presentáronse 183 solicitudes ó Programa de axudas municipais á creación de empresas, das que se concederon 57 e o resto foron denegadas por non cumprir os requisitos. Das axudas concedidas, a maioría, un 61,4 %, optou por adoptar a modalidade xurídica de autónomo, creando un total de 109 postos de traballo.


Aprobado un procedemento para a intervención arqueolóxica nas pequenas obras municipais

O Goberno municipal aprobou un “proxecto marco para a realización de pequenas intervencións arqueolóxicas no Concello de Vigo”. O proxecto sistematiza o procedemento a seguir para realizar controis arqueolóxicos en todas as pequenas obras executadas na cidade polos servicios municipais. Desta maneira conseguirase máis eficacia no control e evitaranse demoras na execución das obras.

O procedemento que se acaba de establecer consiste nunha intervención arqueolóxica preventiva que se realizará naquelas zonas onde o indique a normativa, é dicir, bens de interese cultural, depósitos inventariados ou espacios onde se presuma a existencia de restos arqueolóxicos.

O sistema é moi simple. O primeiro paso é comunicar ao departamento de Patrimonio Histórico a execución da obra dous días antes do seu inicio para que avalíe o seu impacto arqueolóxico. O arqueólogo municipal terá que estar presente mentres se realiza a remoción de terras. Dependendo da ubicación da obra, a súa proximidade a un xacemento, os traballos se farían por medios manuais ou mecánicos. No caso de que aparecesen restos de interese comunicaríase o feito de forma inmediata á Dirección Xeral de Patrimonio da Xunta, e de ser necesario procederíase á realización dun proxecto arqueolóxico.

Con este sinxelo procedemento evitaranse demoras na execución de obras de canalización de servicios e garantirase que se leve a cabo un estricto control arqueolóxico que permita seguir obtendo información sobre o pasado da nosa cidade.