Escoitar

Zucchero e Jamiroquai estrearán a programación das Festas do Cristo

luns, 3 xuñ 2002
imx1501.jpg
Cuberta do álbum
A concelleira Isaura Abelairas presentou os primeiros concertos, programados por Festas e Animación Sociocultural, que se celebrarán con motivo das Festas do Cristo 2002. O auditorio de Castrelos acollerá as actuacións de Zucchero o 15 de xuño e de Jamiroquai o 27 de xuño.

Abelairas destacou que artistas de prestixio e actualidade actuarán en Vigo con motivo das Festas do Cristo, polo que se ofrecerá unha boa imaxe da cidade de cara ó exterior con prezos de entrada asequibles. Algúns dos concertos previstos, como Jamiroquai, serán actuacións únicas en Galicia.

O prezo das entradas para o concerto de Zucchero é de 6 euros e para Jamiroquai de 15 euros de forma anticipada e 18 euros en taquilla. Están á venda en Vigo en LP, Discos Gong e na Central de Espectáculos: no Centro Comercial Cuatro Caminos da Coruña e en Discos Láser en Santiago. Para Jamiroquai tamén se poden mercar a través da rede en SERVICAIXA, en EL Corte Inglés e nos teléfonos 902-332211 e 902-400222.

O presuposto do concerto de Zucchero é de 23.000 euros e o de Jamiroquai 160.000 euros. O presuposto total da programación das Festas do Cristo do ano 2001 roldou os 200 millóns de pesetas e esta edición será semellante, afirmou a concelleira.


Zucchero

Adelmo Fornaciari, bautizado como Zucchero por un dos seus mestres, nace en Roncocesi, provincia da rexión de Emilia, o 25 de setembro de 1955, e inicia nos anos 70 a súa carreira musical, coa formación dos seus primeiros grupos, Le nuove luci, Sugar&Daniel, e Sugar&Candies.

No ano 1981, Zucchero clasifícase en primeiro lugar no festival de Castrocaro coa canción “Canto te”, e participa nas edicións de 1982 e de 1983 do Festival de Sanremo, onde presenta as cancións “Una notte che vola via “ e “Nuvola”, respectivamente. O ano 1983 vén tamén marcado pola saída do seu primeiro álbum, titulado Un Po´di Zucchero.
O ano 1984 é tamén importante para Zucchero, tanto desde o punto de vista profesional coma desde o persoal. É entón cando coñece a Corrado Rustici, productor e músico, co que traballará moito tempo, e co que establecerá unha importante relación de amizade. Rustini será quen presente a Zucchero a Randy Jackson co que, en 1985, forma unha nova banda, a Zucchero and the Randy Jackson Band, na que non só estaba Randy Jackson ó baixo, senón tamén Rustici, que tocaba a guitarra, Walter e Afanatieff os teclados, e Giorgio Francis Perry a batería.

Nese intre Zucchero volve a Sanremo coa canción “Donne”, que se clasifica en penúltimo lugar, aínda que tras editarse con “Ti farò morire” convértese nun dos temas máis demandados.

A canción inclúese ademais no álbum Zucchero and the Randy Jackson Band. Zucchero intervén, así mesmo, no festival de Saint Vicent, nesta ocasión coa canción “Ti farò morire”, e simultaneamente publica o mix “Quasi quasi/ti farò morire”.
En 1986 vólvese presentar ó Festival de Sanremo con “Canzone triste”, e tamén nesta ocasión obtén unha boísima resposta do público, ó editarse como sencillo con “Un piccolo aiuto”.

Ámbalas dúas cancións están recollidas no álbum Rispetto, que Zucchero saca ó mercado en setembro. Publícase tamén o mix “Rispetto”, co que o cantante participa no certame Festivalbar. Ó pouco tempo resulta premiado co disco de ouro, e canta unha versión inédita de “Come il sole all´improvviso”.
En novembro publícase o sencillo “Come il sole all´improvviso/Una ragione per vivere”, que obtén un notable éxito. Os beneficios do disco destínanse á asociación italiana de escleroses múltiple. O primeiro fragmento é interpretado con Gino Paoli (autor das letras) e o segundo contén unha parte orquestral, non incluída na versión do LP.

En 1987 sae á venta o álbum Blue´s, do que vendeu en Italia 1.300.000 copias, un éxito comercial absoluto para un disco de rock. No verán de 1987 comeza a xira de Il Blue´s, cunha gran aceptación por parte do público e na que participa o gran amigo de Zucchero, Joe Cocker, ademais de Miles Davis.

Ó final do verán volve participar no Festivalbar, esta vez co álbum Blue´s. A clausura da xira, o 10 de outubro de 1987, ten lugar no Paleur di Roma,e para a ocasión tocan os míticos Memphis Horns.
En decembro sae unha nova versión de Blue’s, cunha cuberta que se diferencia do outro álbum homónimo pola aparición de personaxes vestidos de Papá Noel.

Invitado a unha transmisión televisiva en decembro de 1987, Zucchero canta en directo “Come il sole all’improviso” con Solomon Burke. Xa en xaneiro, o célebre concerto que dá na Feira Internacional do Disco de Cannes supón un éxito importante que cambiará o mercado discográfico.

Na primavera de 1988 comeza a súa primeira xira europea, que o leva a países como Francia, Alemaña, Holanda, Suíza, España, Dinamarca e Bélxica. No novo LP de Gino Paoli, L’ufficio delle cose perdute, inclúe “Hey ma’”, tema firmado por Zucchero. En xuño do mesmo ano sae en edición limitada un mini álbum titulado Six mix, que contén seis temas en versión mix.

No Pistoia Blues Festival, invitado por Robert Cray, o artista canta en directo algúns clásicos do repertorio blues. Nesta mesma época xa se compensara en España o sencillo “Bambino yo, Bambino tu/Rispetto”. Zucchero métese nese intre na composición da súa primeira banda sonora para a película “Snack Bar Budapest”, de Tito Brass.

O 13 de xuño de 1989 Zucchero publica Oro, Incenso e Birra, disco no que conta coa participación de Eric Clapton, que interpreta un solo que converteu o tema “Wonderful world” nun verdadeiro éxito. En Italia, o disco vendeu 1.700.000 copias, batendo así a marca de Blue’s.

En agosto dese mesmo ano, Zucchero participa con Solomon Burke, Cab Calloway e a Blues Brothers Band no Pistoia Blues Festival. En Roma, onde se clausura a xira de Oro, Incenso e Birra, participan Dee Dee Bridgewater, Paul Young, Eric Clapton e Clarence Clemmons. En setembro do 89 publícase o mix “Diavolo in me”, que recupera unha versión do tema en inglés.

En 1990 edítase Oro, Incenso e Birra en Gran Bretaña, e con ese motivo, a principios de ano comeza na cidade británica de Birmingham o novo tour europeo. A primeira parada desta xira ten lugar no Royal Albert Hall de Londres, onde o artista e o seu grupo actúan con Eric Clapton. Con esta fórmula levan o seu espectáculo ás principais capitais europeas.

Case un mes despois distribúese unha edición do álbum D’Oro, Incenso e Birra, que se presenta con cuberta e vinilo dourados e numerados. En xuño publícase o disco Zucchero sings his hits in English. O LP edítase en Europa, Sudamérica, Xapón, Estados Unidos, Asia, Australia e Sudáfrica.

En 1991 ve a luz o sinxelo “Senza una donna (Without a woman)”, que Zucchero grava con Paul Young e que chegou ós primeiros postos das listas de case tódolos países europeos, situándose en segundo lugar en Gran Bretaña e cuarto en Estados Unidos.

En primavera comeza unha grande amizade con Sting, para quen escribe “Muoio per te”, versión italiana de “Mad about you”, tema que o cantante inglés inclúe no álbum The Soul Cages. Zucchero tamén participa como invitado especial do tour italiano de Sting.

En outubro de 1991 reedítase en inglés o disco de Zucchero, que inclúe as versións de “Senza una donna” e “Diamante”, cantadas a dúo con Paul Young e Randy Crawford, respectivamente. Tamén Paul Young inclúe o tema “Senza una donna (Without a woman)”, que canta con Zucchero, no seu recopilatorio de éxitos From Time To Time. É ademais o momento no que se distribúe o sencillo “Diamante”, que Zucchero interpreta con Randy Crawford, e que triúnfa en Estados Unidos e Inglaterra.

En novembro publica o seu primeiro LP en directo, Live at The Kremlin, gravación dun concerto que tivo lugar en Moscova e no que Zucchero interpreta “Come il sole all’improvviso”, cantada con Randy Crawford, e “Pippo”, temas que non se incluíron no concerto retransmitido por televisión.
Pola outra banda, o compoñente do grupo Queen Brian May invítao ó estadio Wembley de Londres, onde participa no Freddy Mercury Tribute. Para a ocasión canta “Las palabras de amor (The words of love)” e “We are the champions”.

En primavera vai como invitado ó concerto en Bolonia da xira de Eric Clapton e Elton John e ó 1993 World Music Awards, onde recibe o premio ó cantante italiano que vendera máis discos no mundo.
Namentres, Zucchero acada un grande éxito internacional ó incluírse os temas “Senza una donna (Without a woman)” e “Diamante” na banda sonora da serie “Baywatch”. Ademais, “You´re losing me” entra a formar parte da banda sonora da película “Red Shoe Diaries” que se popularizará en Italia co título de “Orquídea Salvaje 3”.

En setembro de 1992, Zucchero intervén no Pavarotti Internacional e canta “L’urlo”, “Miserere” co tenor, “Muoio per te” con Sting e incluso “La donna è mobile”. En outubro publícase en todo o mundo o álbum Miserere, sexto disco en estudio de Zucchero, que grava en italiano e inglés, e do que son autores ademais do propio Zucchero, Brown, Costello e Bono. A canción que dá título ó álbum é un dúo de Zucchero co tenor Luciano Pavarotti.

O álbum inclúe novas cancións, pensadas e escritas polo músico ó longo dunha viaxe pola Toscana, Londres, Kenia, Nueva Orleáns, Camargue, Liverpool e Dublín. Pola outra banda, o disco Through the eyes of love, de Randy Crawford inclúe a canción “Diamante”, cantada a dúo con Zucchero.
Ese mesmo ano, Zucchero e Pavarotti organizan Pavarotti and Friends, un evento con fines benéficos que se retransmite a todo o mundo. Ese primeiro concerto promoveu unha serie de actuacións benéficas que se celebran anualmente.

O ano 1993 comeza cunha boa nova para Zucchero, que obtén o seu segundo disco de platino con Miserere. Ademais, no World Music Award, consegue un premio como o cantante italiano con máis éxito do ano.
En marzo finaliza a primeira parte da xira, cun concerto en Londres no que participan Paul Young e Brian May. Coincidindo con esa data se distribúe unha recompilación titulada Club Tenco, na que se inclúe a versión de “Come il sole all’improvviso” cantada con Gino Paoli en 1987. O 31 de maio Zucchero comeza a xira de L’urlo, que o leva polos principais estadios italianos. Zucchero participa ademais, como invitado de honor, no primeiro concerto de Andrea Bocelli, con quen canta a dúo “Miserere” e “Ave María”.

En decembro de 1993 edítase o álbum Valzer d’un blues, de Adelmo e i suoi Sorapis, grupo que se embarca nunha breve xira promocional con concertos en Milán, Roma, Betlemme.

En febreiro de 1994, Zucchero volve ó Festival de Sanremo como autor do tema “Il mare calmo della sera”, interpretado por Andrea Bocelli, que triúnfa na categoría xuvenil.

En 1994 grava para o mercado sudamericano o disco Diamante, que contén as cancións máis fermosas cantadas en español e traducidas por Fito Páez, e co que realiza unha xira promocional dun mes e medio polas cidades máis importantes de Sudamérica.

En agosto, Zucchero participa como único artista europeo en Woodstock 94, e en xaneiro de 1995, acude á House of Blues, invitado por Dan Aykroyd, con motivo da gala organizada para celebrar o 46 aniversario de John Belushi, e alí interpreta acompañado da Blues Brothers Band, “Diavolo in me” e “You are so beautiful”.

En maio dese mesmo ano lanza a nivel mundial Spirito di Vino, que se publica en versión italiana, inglesa e española. Trátase dun disco irónico, sarcástico e rico en influencias do blues. Isto representa a liña do confín entre o sagrado e o profano, nun intento por capturar o son e a harmonía do delta do Misissipi.

Pouco despois edítase o mix “X colpa di chi?” e “Feels like a woman”, que se inclúe na banda sonora da película “French Kiss”. No Pavarotti International Zucchero interpreta por vez primeira “X colpa di chi?” e “Così celeste”, con Luciano Pavarotti e o Piccolo coro dell’Antoniano, dirixido por Mariele Ventre. En setembro arranca a xira do álbum Spirito di Vino, que fai paradas nas cidades italianas e europeas máis importantes.
En xaneiro de 1996 edítase en América Spirito di Vino, que inclúe os temas “Diamante”, unha versión inédita de “Mama” e unha nova versión de “O.L.S.M.M. (Organización Laica pola Salvagarda e o Mantemento do Matrimonio)”.

Durante a xira europea que realiza ese ano, Zucchero fai un alto en Montecarlo para recoller o galardón do 1996 World Music Award, como o artista italiano con máis copias vendidas no mundo en 1995.
En maio, a máis importante canle televisiva estatal holandesa invita a Zucchero a Amsterdam, ó “Ddevijour Show”, en representación de tódolos artistas do Pavarotti & Friends, álbum realizado durante o Pavarotti Internacional 1995 e vendido en todo o mundo para recadar fondos a favor de “War Child”. O cantante recibe o dobre disco de platino.
Tamén participa na “Festa da música da república en París” como artista do ano que acada máis éxitos e volve participar no Pavarotti Internacional, onde interpreta “My love” e “Un piccolo aiuto”, con Eric Clapton á guitarra.

En xullo participa no World Rhythm Festival de Milán, co lexendario bluesman de Chicago Buddy Guy. Como único artista italiano, Zucchero tamén actúa no coñecido Festival de Jazz de Montreal. En setembro, por primeira vez, entréganse en Bélxica os IFPI Platinum Europe Awards, e o italiano recibe o galardón ó artista que teña vendido en Europa máis dun millón de copias polas ventas obtidas polo seu álbum Spirito di Vino.

En novembro de 1996 publícase The Best of Zucchero. Sugar Fornaciari´s Greatest Hits, unha selección de éxitos en italiano e inglés, con algún tema inédito, como “Il volo/ My love” ou “Menta e rosmarino/ I won’t be lonely tonight”, que de seguido chega ós primeiros postos das listas europeas. A xira de presentación deste traballo leva a Zucchero ás maiores cidades europeas.

En marzo sae á venta a versión española de The Best of Zucchero. Sugar Fornaciari´s Greatest Hits, á vez que se edita no mercado sudamericano o recopilatorio 12 Éxitos.

Ese mesmo ano, Sting organiza un concerto a favor de ”Rain Forest” no Carnegie Hall de Nova Iorque, no que participan como Elton John ou Stevie Wonder. Zucchero interpreta o tema ”Va, pensiero”, inspirado na famosa aria de Giuseppe Verdi, que transforma en canción de berce coa fin de concienciar ós nenos do problema da deforestación do Amazonas.

En xullo sae o mercado a banda sonora da película ”El Príncipe Valiente”, onde canta a dúo con Alannah Miles. Participa na Mostra de Cine de Venecia, cantando con Gerard Depardieu ”Un piccolo aiuto”, que se edita en Francia como sencillo para recadar fondos para unha fundación de investigación e prevención da SIDA.

Unha vez máis, Andrea Bocelli invítao a cantar con el ”Miserere”, acompañados pola filharmónica italiana. En Nadal reedítase The Best of Zucchero. Sugar Fornaciari´s Greatest Hits, no que se inclúe agora o tema ”Va, pensiero”. Ese mesmo ano publícase Deuces Wild, en tributo a B.B. King, no que Zucchero interpreta co lexendario bluesman a canción ”Let The Good Times Roll”, que en 1998 se incluirá na sonora da película ”The Mighty”. Para a banda sonora de ”Widows”, Zucchero grava ”Happy Birthday to Me”.

En 1998 acude a Nova Iorque, invitado por Luciano Pavarotti, con ocasión da entrega dos Grammy, e interpreta ”Va, pensiero”, unha canción que tamén ilustrará o Cinemusic International Festival de Gstaad, ó que acude invitado por Roman Polanski e Gerard Depardieu. Tamén este ano recibe unha invitación para participar no Pavarotti International, onde ademais de cantar ”Va, pensiero” co tenor, interpreta ”Menta e rosmarino”.

En outubro dese ano prodúcese o lanzamento do seu novo traballo, Bluesugar, en italiano e inglés, con Stevie Wonder e Irene Fornaciari como artistas invitados. O disco inclúe “Blue”, escrita por Bono.
En febreiro de 1999 inicia o Bluesugar World Tour, que nun dos seus concertos contará coa participación de Noa, Paul Young, Cheb Mami e o grupo Muvrini. Este mesmo ano actúa na Pavarotti Charity Gala de Módena, xunto a B.B. King, e será invitado especial dos Rolling Stones no IMST Festival austríaco, ante 200.000 espectadores. Tamén participa no Michael Jackson Charity Concert, a favor da Cruz Vermella.

Pouco despois, Zucchero edita para o mercado inglés unha versión de ”Va, pensiero” a dúo con Sinéad O´Connor, mentres en España se edita o sinxelo ”Blu (Lo que sueño)”, cantado con Rosana, e aparece Bluesugar.

En Londres acude ó Royal Albert Hall para cantar con The Chieftains. En xullo estréase o musical de animación titulado ”La banda del rock - los músicos de Bremen”, no que os temas están interpretados por Zucchero, B.B. King, Oletta Adams e James Ingram.
Despois, tras dun breve descanso, retoma a xira italiana, con Mauro Pagani, The Chieftains e Pino Daniele. Á vez, sae á venta no mercado americano Overdose d´amore. The Ballads, unha selección de temas na que se inclúe “Io muoio per te”, cantado con Sting.

O mesmo ano, invitado por Bono participa en Net-aid, unha serie de concertos benéficos no Wembley Stadium de Londres, o Palacio das Nacións de Xenebra e o Estadi dos Giants de Nova Iersey, que se retransmiten por televisión a todo o mundo. Para a ocasión interpreta “Il volo”, e acompaña coa súa guitarra a Bono no tema “One”. Os beneficios acadados con estas actuacións destínanse ós nenos das zonas máis pobres do mundo.

Zucchero tamén é o invitado principal do Nokia Night Of The Proms, un festival itinerante no que o acompaña o teclista Luciano Luisi, unha orquestra, un coro e unha banda. Con motivo deste evento reedítase Bluesugar, no que se inclúen os temas “White Christmas” e “Diamante”, No ano 2000 acude de novo ó Pavarotti International, e canta co resto de artistas invitados “All you need is love”, de The Beatles. Pouco despois grava, con Scorpions e a Berliner Philarmoniker “Send Me An Angel”.

Mentres, publícase en Francia Solidays. L´album, un proxecto no que participan varios intérpretes e que se grava co ánimo de recadar fondos para a loita contra a SIDA nos países africanos.

A principios do 2001, Zucchero reatópase con Corrado Rustici en Napa Valley (California), onde, en colaboración con DJ John O’Brien, traballarán nas cancións do seu novo álbum. Desde alí trasládanse ós Plant Studios de Sausalito, onde coñecen a Polo Jones (baixo) e Zach Alford (batería). O bluesman John Lee Hooker úneselles nunha ocasión memorable que, desgraciadamente, constituíu unha das súas derradeiras gravacións.
Pouco despois regresa a Italia para completar a gravación nos Umbi Studios de Rovigo. A seguinte etapa constitúena os Real World Studios de Peter Gabriel, en Gran Bretaña, onde Richard Rayney, o enxeñeiro de son de U2, leva a cabo as mesturas. O traballo de Zucchero complétase no Metropolis Studio de Londres, onde o álbum é masterizado.

En xullo ten lugar o lanzamento en Italia de “Baila (Sexy thing)”, o primeiro sencillo do novo álbum de Zucchero, que non tarda en chegar ás primeiras posicións das listas. O disco, Shake, sae á venda en setembro de 2001, e en novembro e decembro ten lugar unha breve xira europea.

Shake está cargado de enerxía e do que Zucchero entende por sensualidade, é dicir, calquera pracer mental que lle dá seducción e encanto. Unha das peculiaridades deste traballo é a presencia de moitas voces negras, como as de John Lee Hooker, Chance ou Arthur Miles, algunhas das cales participaron na gravación de discos espirituais e gospel dos anos 50.

“Baila (Sexy thing)”, o primeiro tema, é unha canción na que predomina o son do soul, con reminiscencias da música dos anos 60 e 70. Os coros foron mesturados en italiano, español e inglés.
Ó álbum inclúe o tema “Ali d’oro”, que escribiu á beira do Missisipi. Trátase do único dueto do disco, e para facelo o italiano conta coa inestimable colaboración do mítico John Lee Hooker, que realizaba así unha das súas derradeiras gravacións.

DISCOGRAFÍA

Un po’ di Zucchero (1983)
Zucchero and Randy Jackson band (1985)
Rispetto (1986)
Blue’s (1987)
Snack Bar Budapest (B.S.O.) (1988)
Oro, incenso e birra (1989)
Uykkepo. Live at the Kremlin (1991)
Miserere (1992)
Diamante (1994)
Spirito di Vino (1994)
The best of Zucchero. Sugar Fornaccciari’s greatest hits (1996)
The blues collection (1997)
Bluesugar (1998)
Overdose d’amore. The ballads (1999)
Reload (1999)
Shake (2001)



ZUCCHERO

JAMIROQUAI

Descargar todas as imaxes