Escoitar

Benestar aumenta a 12.000 usuarios os plans de prevención de drogodependencias e reduce os casos asistenciais

A concelleira de Benestar Social, María Méndez, deu conta este venres da memoria de datos do Plan Local de Drogas e outras adiccións nas súas vertentes de prevención e asistencia. A concelleira nacionalista destacou o incremento que se está a producir nas accións preventivas no curso 2010-2011 a respecto do 2009-2010 fronte a redución dos casos asistenciais neste mesmo periodo de tempo. Ata final de ano a prevision é chegar a 12.000 persoas cos diferentes plans de previnción, mentras que se reduciron nun 12,8% o inicio de novos tratamentos asistenciais.

venres, 4 feb 2011
1296827504drogodependncia.JPG
María Méndez explicou que o número total de usuarios e usuarias destinatarios dos programas de prevención comprometidos ata xuño de 2011 ascende a 7.821, que previsiblemente chegarán aos 12.000 a final de ano. "Aumentamos de 10.000 a 12.000 nun ano, demostrando así o compromiso do Concello de Vigo coa prevención", salientou. A nacionalista explicou que a maior parte das accións preventivas desenvolvéronse no ámbito educativo, chegando aos 7.646 escolares. A concelleira de Benestar Social asegurou que é imprescindible seguir traballando neste eido, "porque pídeno os propios centros e porque vemos que da resultado".

A nacionalista destacou que este incremento dos programas preventivos acadouse a pesar do descenso de financiamento por parte da Xunta, cifrado nunha redución do 10,6% ao pasar de 112.200 euros no curso 2009-2010 a 100.237 euros no periodo 2010-2011. Neste sentido, amosou a súa preocupacion por que a Xunta modificou "unilateralmente" os convenios de financiamento que ata agora se asinaban cos concellos e fixeron un "convenio xeral" coa Fegamp, que distribúe os fondos "sen ter en conta as necesidades de cada concello", criticou. Pola contra, considera que o reparto debería facerse en función das persoas atendidas.

Neste eido da prevención, María Méndez tamén denunciou o desmantelamento da oficina do Plan Galiza sobre Drogas, que propiciou a comparecencia hoxe no Parlamento galego do director xeral de Drogodependencias e Xestión da Saúde Plública, a petición dos grupos da oposición. "Hai moitas razón para pedir explicacións, e o Concello de Vigo presentou alegacións ao novo Plan de Transtornos Adictivos", asegurou. Ao seu xuízo, o novo plan da Xunta "rompe a traxectoria consensuada polos sucesivos Parlamentos, coas asociacións que desenvolven o seu traballo no eido da prevención e cos concellos que teñen oficina específica".

No tocante ao eido asistencial, a concelleira de Benestar Social tamén criticou a modificación unilateral dos convenios de financiación e a redución do financiamento do 11,7% respecto ao orzamento de 2009. En canto aos datos, o director de Cedro, Francisco Otero, sinalou que no ano 2010 houbo unha redución do 12,8% da demanda de tratamentos, ao pasar de 336 casos no 2009 a 293 no 2010. O descenso tamén afectou aos casos novos, xa que se experimentou unha redución do 18,3%, con 219 casos no 2009 e 179 no 2010; así como no reinicio dos tratamentos, que baixou un 2,6%, ao baixar de 117 a 114 casos.

Francisco Otero indicou que o número de usuarios e usuarias dos distintos tratamentos que ofrece Cedro decreceu un 4%, baixando das 1.063 persoas atendidas en 2009 a 1.020 persoas en 2010. Tamén descendeu o volumen asistencial en todos os programas, ao pasar de 1.323 en 2009 a 1.253, o cal supón unha redución do 5,3%. Porén o director de Cedro salientou que esta redución "non está acompañada da redución das actividades", senón que estas medraron un 4,4%.
Descargar todas as imaxes