Escoitar

María Méndez salienta o traballo conxunto de Benestar Social e Secretariado Xitano para impulsar a integración

A concelleira de Benestar Social, María Méndez, visitou este martes as instalacións da Fundación Secretariado Xitano, onde se reuniu co seu director, Santiago González. Na vista, a concelleira nacionalista destacou a "excelente labor" que fai o Secretariado Xitano, co que o Concello de Vigo mantén un convenio de colaboración de 109.000 euros.

martes, 11 xan 2011
1294754980xitano.JPG
María Méndez explicou que a Fundación Secretariado Xitano atende na actualidade a 50 familias de etnia xitana para potenciar a súa integración, co obxectivo de que teñan "as mesmas opcións que calquera outra familia". Fixo referencia a outros eidos nos que esta entidade desenvolve o seu traballo, como a posta en marcha de obradoiros de alfabetización, especialmente de mulleres maiores, nos que precisamente comprobou os progresos de varias participantes.

A concelleira de Benestar Social salientou a importancia da formación laboral e o mantemento de hábitos saudabeis e sinalou que son catro as persoas que desenvolven actualmente este traballo, co que se están a conseguir "logros moi interesantes". Neste sentido destacou a "total integración" de diferentes familias de etnia xitana e a incorporación doutras novas aos procesos.

En resposta aos medios sobre a valoración da integración e a convivencia das familias xitanas en Vigo en comparación con outras cidades galegas, o director do Secretariado Xitano afirmou que en comparación coa cidade de A Coruña "Vigo sae moi ben parada". Ao respecto sinalou que hai cinco anos en A Coruña había 250 familias que vivían en chabolas, o mesmo número de familias xitanas que había en todo Vigo. Ao seu xuízo, a propia estrutura de Vigo favorece a integración, xa que non existe un único asentamento chabolista e as familias xitanas viven en practicamente todos os barrios e parroquias de Vigo. "Hai alumnado xitano en máis de 60 centros educativos de Vigo, o que non acontece en ningunha outra cidade galega", subliñou.

Por outra banda, Santiago González afirmou que dende a creación do Secretariado Xitano en Vigo e o primeiro convenio de colaboración co Concello de Vigo, a comezos de 2001, máis de 240 familias teñen sido atendidas por algún dos servizos que presta a entidade.
Descargar todas as imaxes