Escoitar

Santi Domínguez anuncia a posta en marcha dunha campaña para incrementar os visitantes portugueses en Fin de Ano

O tenente de alcalde e concelleiro de Turismo, Santi Domínguez, anunciou este luns a posta en marcha dunha nova campaña de promoción turística de Vigo en colaboración coa Asociación de Hosteleros de Vigo (Ahosvi). O nacionalista explicou que o obxectivo desta nova iniciativa é o incremento de visitantes de Portugal na nosa cidade nunha data tan sinalada como Fin de Ano, para que os hoteis aumenten a súa ocupación e seguir potenciando Vigo como destino turístico e de lecer.

luns, 20 dec 2010
1292852870FindeAno.JPG
Santi Domínguez explicou que esta campaña xurdiu na última xuntanza con Ahosvi, coa que a Tenencia de Alcaldía e a Concellería de Turismo colabora estreitamente tanto na creación do Vigo Convention Bureau e como nas distintas campañas para impulsar o turismo. "Portugal é un mercado potencial e xa nos últimos anos comprobamos que eran moitos os que se decidían a pasar aquí o Fin de Ano", apuntou.

O nacionalista destacou que esta campaña de promoción de Vigo, que xa comezou onte, abranguerá o norte de Portugal, "facendo especial fincapé en cidades como Porto, Viana ou Braga". Ademais das ofertas que cada hotel faga de xeito independente, o titular de Turismo salientou que conxuntamente, a campaña contempla a medida de que as persoas que visiten Vigo "terán gratuitamente as peaxes de ida e volta".

O tenente de alcalde lembrou que xa hai meses que se fixo unha "forte campaña promocional en Porto", que está comezando a dar resultados. Asegurou que "imos seguir traballando da man de Ahosvi" para promocionar a oferta hoteleira e traer eventos importantes á cidade como a Copa Asobal celebrada o pasado fin de semana e que terá continuidade coa Copa do Rei que se celebrará no mes de abril e os 6 congresos xa pechados para o vindeiro ano. Ao respecto avanzou que xa hai outros 3 cos que se están ultimando os trámites. "En tempo de crise é fundamental que as administracións se volquen en traer eventos á cidade", subliñou.

En resposta aos medios, Santi Domínguez indicou que a campaña ten un orzamento de 25.000 euros, que inclúe todas as iniciativas publicitarias que se porán en marcha, así como o custe das peaxes. O presidente de Ahosvi, Santiago Villanueva, agradeceu a Santi Domínguez e á Tenencia de Alcaldía a colaboración e a iniciativa de sufragar as peaxes. "Levamos moito tempo reuníndonos coa Tenencia de Alcaldía para potenciar o turismo de Vigo", comentou. Sinalou que a campaña de promoción para Fin de Ano foi "feita en tempo récord", xa que se preparou nunha semana.

O responsable de Ahosvi explicou que para elaborar esta campaña tívose en conta que Vigo é un destino "de última hora" para os veciños e veciñas portugueses, pero que nos últimos anos experimentara un descenso debido a situación de crise. Tendo estes datos en conta, afirmou que acadar o 70% de ocupación sería "un éxito". Ademais, fixo referencia ao beneficio que supón para todo o sector esta proposta, que repercutirá non só nos hoteis, senón tamén nos restaurantes, as pastelerías e os comercios en xeral.
Descargar todas as imaxes