Escoitar

Caballero anuncia que a reforma do edificio Garavilla e dos espazos deportivos da ETEA comezarán este mércores

En rolda de prensa tras a Xunta de Goberno Local, o alcalde vigués avanzou que o Concello comezará mañá mércores cos traballos de remodelación da piscina e do pavillón deportivo da ETEA, en Teis, e coa rehabilitación dun "edificio simbólico e histórico na cidade", o Garavilla. O Concello realizará un investimento de 1,2 millóns de euros nestas dúas reformas emblemáticas para o barrio de Teis.

martes, 23 nov 2010
1290520499023.jpg
O alcalde de Vigo, Abel Caballero, anunciou o comezo mañá mércores dos traballos de reforma do pavillón deportivo da ETEA e do edificio Garavilla, en Teis, cun investimento total de 1,2 millóns de euros.

Tras a Xunta de Goberno Local celebrada hoxe martes, Caballero explicou que a aprobación do Plan de Seguridade e Saúde da remodelación e acondicionamento do edificio polideportivo da ETEA permite o inicio da obra, que alongarase uns cinco meses. O Concello inviste nesta reparación 850.000 euros.

Por outra banda, e tamén en Teis, a Xunta de Goberno Local aprobou a contratación das obras de reestructuración da antiga fábrica Garavilla, dentro do coñecido como Plan Urban, para o que se destinan 418.000 euros máis. Os traballos teñen un prazo estimado de duración de catro meses.

Humanizacións
Abel Caballero tamén informou doutros acordos adoptados polo goberno na súa xuntanza de hoxe, como a aprobación do proxecto de humanización de Severino Cobas, na parroquia de Lavadores, por valor de 3,4 millóns de euros. Esta mellora compleméntase, aseverou o rexedor, coas reformas de Manuel Álvarez e unha próxima en Gandarón, os treis viais de entrada que poden aliviar o tráfico da Avenida de Madrid.

O goberno local tamén deu luz verde á ampliación do saneamento en Coruxo, das canalizacións de pluviais e fecais en Pizarro por valor de 33.000 euros, e do saneamento en López Mora -entre Pi y Margall e José Frau- con 29.000 euros de investimento. O obxectivo municipal é preparar a estas rúas "mellor" para as choivas, o que nas zonas xa humanizadas "está a funcionar francamente ben". "O groso da humanización está por debaixo", afirmou Caballero.

Policía Local
O alcalde de Vigo tamén deu conta da contratación en réxime de arrendamento (renting) de 18 vehículos para a Policía Local de Vigo. Caballero explicou que a primeira oferta quedou deserta polas "condicións demasiado duras" esixidas polo Concello vigués.

Desta volta, a asignación orzamentaria municipal ao efecto, tras a súa revisión e aprobación no día de hoxe, ascende a 938.000 para o renting de vehículos desde 2011 ata 2015, coa finalidade de ofrecer "unha boa dotación de automóbiles para a Policía Local".
Descargar todas as imaxes