Escoitar

Caballero reafirma no Congreso Nacional do Medioambiente o compromiso das urbes españolas coa sustentabilidade

O alcalde de Vigo e presidente da Rede Española de Cidades polo Clima, Abel Caballero, participou este luns na apertura do Congreso Nacional de Medioambiente, CONAMA10. Na inaguración, que contou coa presenza da ministra de Medio Ambiente, Rural e Mariño, Rosa Aguilar, Caballero ratificou no nome dos concellos españois o compromiso destes para que a crise sexa o punto de ruptura que contribúa a acadar unhas cidades máis habitables e sustentables.

luns, 22 nov 2010
1290432139Conama.JPG
O alcalde de Vigo e presidente da Rede Española de Cidades polo Clima da FEMP, Abel Caballero, reafirmou este luns o compromiso dos concellos españois de colaborar con todas as administracións, co sector privado e co conxunto da sociedade, para que a crise sexa o punto de ruptura que contribúa a conseguir unhas cidades máis habitables e un mundo máis sostible. Desta forma, o alcalde de Vigo dirixiuse aos asistentes á apertura do Congreso Nacional de Medio Ambiente, CONAMA10, que se celebra en Madrid.

Abel Caballero ofreceu a colaboración aberta e incondicional dos municipios da Rede á Ministra de Medio Ambiente e Medio Rural e Mariño, Rosa Aguilar, que tamén participou no arranque de CONAMA10, para que o modelo español de traballo en Rede continúe sendo unha referencia de cooperación en todo o mundo.

Na súa intervención, o alcalde sinalou que "agora máis que nunca" é o momento de reflexionar, analizar e actuar, "de ver que avances conseguíronse, que estamos facendo e onde queremos ir". Apuntou tamén que a sustentabilidade e a loita contra o cambio climático "non só é un problema de políticos, empresas ou administracións, é un problema global, que implica a toda a sociedade"; porque, segundo advertiu, a experiencia municipal mostra que aínda hai resistencias nas cidades antes as políticas ambientais.

Abel Caballero admitiu que os alcaldes e alcaldesas españois son conscientes do moito que queda por facer, pero tamén dos avances logrados, co novo urbanismo ou coas políticas de transporte público aplicadas nas cidades. O alcalde de Vigo tamén se referiu ao automóbil eléctrico como o instrumento que se pode converter no gran modo de transporte urbano e nunha nova forma de facer cidades.

Por todo iso, engadiu que "a crise é o momento" de converter os retos en oportunidades de progreso económico e social, de cambiar os modelos produtivos, e de entender a vida e o progreso de xeito diferente.

A Ministra de Medio Ambiente, Rural e Mariño, Rosa Aguilar, expresou a súa aposta clara e firme por impulsar un modelo de desenvolvemento sostible que teña como obxectivo fundamental a xeración de emprego, a loita contra o cambio climático e o uso racional e solidario dos recursos. Durante a súa intervención sinalou a necesidade de dar unha resposta que permita dar forma a unha globalización xusta, integradora e sostible, avanzando cara a unha nova economía baseada en principios ecolóxicos, capaz de xerar novos xacementos de emprego verde.

Abel Caballero participou na apertura de CONAMA10 xunto coa Ministra de Medio Ambiente, Rural e Mariño, Rosa Aguilar; a Conselleira de Medio Ambiente da Comunidade de Madrid, Ana Isabel Mariño; a Segunda Tenente Alcalde do Concello de Madrid, Ana Botella; o Director Xeral Brasileiro de Itaipú Binacional, Jorge Samek; e o Presidente da Fundación CONAMA, Gonzalo Echagüe.
Descargar todas as imaxes