Escoitar
O Concello continúa co proceso de humanizacións en toda a cidade

O goberno local inviste 50.000 euros no arranxo e humanización da Avenida do arquitecto Palacios

O Concello está a cortar a maleza, limpando cunetas, desatascando as arquetas e realizando un varrido automático para mellorar o aspecto do vial e para incrementar a seguridade do mesmo. Na mediana ademais de levar adiante a plantación de árbores, plantas e a introdución de áridos implementarase unha reparación integral e un sistema de rego para o seu mantemento.

martes, 23 nov 2010
O goberno local de Vigo está a investir un total de 50.000 euros na Avenida do Arquitecto Palacios onde realiza traballos de acondicionamento e mellora do vial. O Concello está xa inmerso no arranxo e humanización desta estrada na que se está a cortar a maleza dos taludes e a que cae desde zonas altas, se están desatascando as arquetas e limpando as cunetas e se realizará un varrido automático da mediana e dos laterais.

No que respecta a mediana levarase a cabo unha reparación integral con plantación de árbores e a introdución de áridos ademais de implantar un sistema de rego para o seu mantemento.

Todas estas actuacións contribuirán non so á humanización da zona sino que tamén se persegue contribuír a mellorar a circulación e incrementar a seguridade dun vial cun nivel elevado de tráfico.

A mellora e acondicionamento deste vial pon de manifesto que o Concello segue co proceso de humanizacións en toda a cidade. De feito as inversións municipais para o vindeiro ano 2011 suman 18 millóns de euros, das que a metade son do departamento de Vías e Obras. O goberno local realizará humanizacións nas rúas Panamá e Nicaragua, na Avenida de Castelao, na Praza de Independencia, na rúa Brasil, na rúa Aragón, en Pintor Colmeiro, en Troncoso, en Balaídos, Martínez Garrido, Ramón Nieto, Doctor Marañón, Menéndez Pelayo, Colombia, en Beade, Espiñeiro, en Teis, no parque de Castrelos, en Matamá-Pazos, na rúa Pino, Esperanto, Toledo, Severino Cobas e Manuel Álvarez.

Ademais, case un millóns de euros irán destinados a Parques e Xardíns para mellorar a Praza da Miñoca, a Gran Vía, o entorno de Balaídos, Teixugueiras, a Alameda de Navia, a Avenida de Castelao e o parque Rivera Atienza.