Escoitar

O tenente de alcalde salienta o éxito das Festas de Verán 2010, que chegaron a máis de 350.000 persoas

O tenente de alcalde, Santi Domínguez, destacou este mércores o "tremendo éxito" de todas as actividades que se desenvolveron con motivo das Festas de Verán de Vigo 2010. No balance da participación nos espectáculos programados, o nacionalista salientou que máis de 350.000 persoas tiveron a oportunidade de disfrutar dunha ampla programación, que incluíu concertos no auditorio de Castrelos, actuacións no Casco Vello e actividades infantís.

mércores, 18 ago 2010
"As miñas maiores felicitacións teñen que ser para a cidadanía, que saíu á rúa e se volcou nas festas da cidade", manifestou o tenente de alcalde. Felicitou tamén ao Casco Vello vigués, xa que segundo salientou "hai anos que non se miraba revivir como aconteceu durante a Semana Grande". Afirmou neste sentido que a chegada de visitantes á cidade "posibilitounos descubrir a todos e todas un nova cara do Casco Vello".

Segundo indicou o nacionalista, foron aproximadamente 60.000 persoas as que se achegaron ao Casco Vello e ao centro da cidade por mor das iniciativas programadas nas Festas de Verán. Entre os espectáculos aos que fixo referencia, Santi Domínguez comezou citando o pregón das Festas, a cargo de Luis Zahera e Luis Tosar, e a actuación de Xarxa Teatro, que segundo a organización congregou a arredor de 4.000 persoas.

O tenente de alcalde destacou asemade o Mercado Mariñeiro, que do 2 ao 8 de agosto contribuíu decisivamente a dinamizar o Casco Vello, xa que arredor de 25.000 persoas se achegaron á zona histórica. Santi Domínguez indicou que respecto a esta iniciativa os propios comerciantes xa dixeron que había tanta animación como na Festa da Reconquista e se notaba que Vigo estaba en Festas a calquera hora do día.

Outras das iniciativas levadas a cabo no centro de Vigo que tamén contaron cunha notable afluenza de público, como Vigo Folk, o Ciclo de Cine, Vigo Urban, cunha afluencia de público que superou as as 10.000 persoas, así como seis actuacións programadas na Praza da Constitución, que acadaron o cheo e sumaron en total 8.000 persoas.

Respecto á programación infantil, o tenente de alcalde destacou Castro Cativo, unha iniciativa "que sigue funcionando", chegando a 15.000 as persoas que se achegaron ás instalacións. Tamén fixo especial fincapé no Teatro Infantil, que este ano cambiou de ubicación e se celebrou no remodelado auditorio municipal. As obras programadas encheron o recinto todos os días e o público total foi 2.000 persoas.

Os rapaces e rapazas tamén tiveron a posibilidade de disfrutar co espectáculo de Bob Esponja, que acadou o cheo nas tres actuacións programadas. Santi Domínguez destacou O Marisquiño, no que 60.000 persoas se deron cita ao longo dos tres días que durou o evento de cultura e deporte alternativos, e os concertos de Rosendo e Motorhead.

No tocante á asistencia aos concertos celebrados en Castrelos (Norah Jones, Patti Smith, Joan Manuel Serrat, Public Enemy, David Bisbal, Castrelos Circus e Mika), Santi Domínguez cifrou en 190.000 as persoas que se achegaron ao auditorio. Afirmou que a actuación do artista libanés Mika foi o "máis numeroso", con máis de 20.000 persoas. Entre as novidades da programación deste ano salientou Castrelos Circus, "que aínda que non estivo abarrotado, máis de 18.000 persoas encheron o auditorio", apuntou.

O tenente de alcalde fixo especial fincapé no retorno económico que supoñen as Festas de Verán para Vigo. Ao respecto lembrou as declaracións realizadas hai algúns días polo representante dos hoteleiros vigueses nas que aseguraba que os turistas solicitaban o alonxamento das súas estancias na cidade. Sobre a repercusión das Festas no sector turístico, o tenente de alcalde destacou asemade que a solicitude de información sobre o programa e as actuacións nas Oficinas de Turismo creceu un 50% respecto ao ano pasado.