Escoitar

Tenencia de Alcaldía repartirá 5.000 bandeiras galegas para que os vigueses e viguesas celebren o Día de Galicia

O tenente de alcalde, Santi Domínguez, anunciou hoxe que a partir de mañá se distribuirán gratuitamente 5.000 bandeiras galegas para que os vigueses e vigueses se sumen á celebración do Día de Galicia. "Esta iniciativa ten un obxectivo simple, que conmemoren unha data que significa que somos un país con historia, lingua e identidade propia", explicou.

martes, 20 xul 2010
1279631463bandeiras.JPG
O nacionalista animou a todos os vigueses e viguesas a recoller as bandeiras para colgalas no seu balcón ou na súa fiestra e amosar así "que seguimos crendo no noso país e en Vigo como parte fundamental dese país". Santi Domínguez dixo que é un xeito sinxelo de celebrar o Día de Galicia, que é o día de todos os galegos e galegas, amosando "que estamos orgullosos de selo".

Calquera persoa que o desexe pode recoller a súa bandeira gratuítamente nas asociacións de veciños, Federación de Asociacións de Veciños "Eduardo Chao", Federación de Centros Culturais, Federación de Peñas "El Olivo", Instituto Municipal dos Deportes. ximnasio municipal do Carmen, piscinas municipais, complexo deportivo de Samil, campos de fútbol de Candeán, Coruxo e Barreiro, Casa das Artes, Casa Galega da Cultura, Biblioteca Central, Museo de Castrelos, Verbum, Marco, Museo Liste, Casa das Mulleres, Casa da Xuventude, Cedro e Unidades Básicas de Acción Social (Ubas), ademáis de na Tenencia de Alcaldía. Santi Domínguez salientou que para facilitar a distribución se decidiu entregalas a través dos lugares aos que habitualmente acuden os veciños e veciñas.

O tenente de alcalde sinalou que esta iniciativa da continuidade á realizada o ano pasado coa campaña "Dalle a lingua", que se desenvolveu tamén ao redor do 25 de Xullo na defensa do galego diante dos ataques que estaba sufrindo. Santi Domínguez indicou que este ano deseñouse a campaña coa finalidade de seguir defendendo os nosos sinais de identidade e para facer partícipe a toda a cidadanía da celebración do Día de Galicia.
Descargar todas as imaxes