Escoitar

Cultura e Patrimonio Histórico impulsan un ciclo de música clásica nos xardíns de Castrelos que comeza o 2 xullo

Os concelleiros de Cultura, Xesus López, e Patrimonio Histórico, Eudosio Álvarez, anunciaron este martes que os xardíns do Pazo de Castrelos acollerán un ciclo de música clásica os venres do 2 de xullo ao 10 de setembro. Na presentación do ciclo, os nacionalistas salientaron que os concertos serán gratuítos e dunha gran calidade, xa que serán protagonizados por alumnos e alumnas dos dous conservatorios de música de Vigo, o Superior e o Profesional.

martes, 15 xuñ 2010
1276603995Castrelos.JPG
O concelleiro de Patrimonio Histórico resaltou que o espazo no que se vai realizar o programa é "singular, diferente e único", e que pese a que foi concibido para acoller este tipo de iniciativas, nunca se fixeran con anterioridade. Especificou que os concertos terán lugar na solaina Concepción Arenal, a parte superior do xardín inglés, e que ademais de ser un lugar axeitado para gozar da música tamén permitirá gozar dunhas "vistas incomparables".

"O marco é moi importante nas actividades artísticas e musicais, porque o espazo crea unha atmosfera diferente", comentou Eudosio Álvarez. En resposta ás preguntas dos medios sobre a capacidade deste recinto explicou que ten case 2.500 metros cadrados, polo que "teoricamente poden caber entre 350 e 400 persoas", sinalou. Respecto aos horarios, indicou que os concertos do mes de xullo terán lugar ás 21 horas, mentres que os de agosto e setembro serán ás 20.30 horas.

Respecto á programación, Eudosio Álvarez sinalou que comezará o 2 de xullo coa Orquestra Vigo 430. A seguinte actuación será o 9 de xullo cunha gala lírica centrada en arias de ópera e zarzuela. O concerto do 16 de xullo correrá a cargo do grupo de percusión Perkuka, mentres que o do 30 de xullo se centrará nun recital de trompeta e piano. O 6 de agosto terá lugar un recital de piano, o día 13 haberá un concerto de cámara, o 20 de agosto celebrarase un recital de clarinete e piano e o 27 de agosto un recital de piano. Xa en setembro, o día 3 actuará a agrupación de instrumentos de música tradicional Chupacabras, e finalmente, o 10 de setembro, o ciclo rematará cun concerto de cámara con obras de Mendelssohn e Beethoven para cuarteto de corda.

Asegurou que o programa mestura música instrumental cunha gran lírica e combina música tradicional e música clásica, todos eles "novos valores da música viguesa saídos tanto do Conservatorio Superior como do Conservatorio Profesional", destacou o concelleiro de Patrimonio Histórico. Neste sentido apuntou que o ciclo quere ser unha homenaxe ao traballo que fan os profesores e profesoras dos dous conservatorios da cidade.

O concelleiro de Cultura explicou que este ciclo de música clásica naceu tras o éxito da actuación que recentemente tivo lugar no xacemento de Toralla. Destacou que a iniciativa tenta cumprir tres obxectivos principais: organizar un ciclo de música clásica de calidade; en segundo lugar, poñer a disposición dos artistas vigueses e os concertistas dos dous conservatorios da cidade "un espazo no que poidan trasladar o seu quefacer musical".

Ao respecto sinalou que este aspecto se enmarca no reto de crear unha plataforma para que os artistas que estudan en Vigo poidan desenvolver as súas inquedanzas artísticas na súa cidade. Como exemplos citou a Semana de Teatro Afeccionado, o Coro Cidade de Vigo e o programa Un mar de bandas. Salientou que, en terceiro lugar, a posta en marcha do ciclo pretendeu seleccionar un espazo que sexa un "reclamo" para a celebración dos concertos, e que teña "interese e atractivo".

O subdirector do Conservatorio Profesional de Música, Javier Escolar, expresou o seu agradecemento "pola aposta pola canteira musical viguesa" que supón este ciclo de música clásica. Asemade, destacou que a cidadanía teña a "oportunidade de coñecer o noso traballo".

O subdirector do Conservatorio Superior de Música, Jesús Vicente Monzo, trasladou de parte do alumnado participante nos concertos que están "inmensamente encantados de poder mostrar o seu traballo de moitos anos e poder compartilo co público de Vigo".
Descargar todas as imaxes