Escoitar

O Pleno contará cun novo regulamento orgánico 22 anos despois de aprobarse o actual

Os grupos políticos do BNG e do PSdeG presentaron e aprobaron inicialmente este luns un novo regulamento orgánico de funcionamento do Pleno da Corporación de Vigo, que substituirá ao actual, que data de 1988. O novo texto, de 101 artigos, "axústase á lei" e nace como foro de debate político e órgano de fiscalización do goberno. O PP opúxose principalmente por discrepanzas co idioma e co número de mocións estipuladas para cada sesión.

luns, 31 mai 2010
O Pleno da Corporación municipal aprobou este luns un novo regulamento de funcionamento deste órgano político, despois de 22 anos de vixencia do actual texto, que data de 1988.

Os votos favorables do goberno local (PSdeG e BNG) validaron a normativa, co que Vigo cumpre coa Lei de Grandes Cidades de 2003, que obrigaba á súa redacción. O novo documento conta con 101 artigos, dos que sete foron alegados ou recurridos pola oposición -quen opúxose á normativa- o que é "mostra do traballo realizado entre os tres grupos", salientou o concelleiro de Xestión Municipal, Carlos López Font.

Co novo texto - "flexible pero rigoroso", en verbas da voceira do BNG, María Méndez-, "estamos a fortalecer día a día a vontade política dos cidadáns", aseverou López Font, e "axústase á lei". O concelleiro concluíu que este novo regulamento está acorde á gran cidade que é Vigo.

O grupo municipal do PP votou en contra da aprobación debido á demanda de inclusión no regulamento do dereito a participar nos debates en español e ao número de mocións a presentar. Sobre este aspecto, o edil Conde Gil criticou á vontade do goberno de facer "plenos exprés", limitando a sete o número de mocións máximas por sesión.

Unha vez validado e aprobado en Pleno o novo regulamento deste, a normativa pasa a exposición pública durante 30 días para as eventuais alegacións. Posteriormente será levado novamente ao Pleno para a súa aprobación definitiva.