Escoitar

O Concello de Vigo é a única institución que financia o servicio de intérpretes de lingua de signos

luns, 6 mai 2002
imx1375.jpg
Sinatura do convenio
A concelleira de Benestar Social, Belén Sío Lourido, e o presidente da Asociación de Xordos de Vigo, Miguel Ángel González Lloves, asinaron un convenio de colaboración para continuar co servicio de intérpretes de lingua de signos durante dous anos.

A finalidade do convenio é ofertar a tódolos discapacitados auditivos do municipio de Vigo a posibilidade de contar cun profesional intérprete de lingua de signos que cubra todos aqueles servicios como reunións, despachos profesionais, comparecencias en tribunais, consultas médicas, conferencias e cursos organizados polo Concello ou pola Asociación de Xordos.

Actualmente, hai 250 vigueses asociados a este colectivo e tres intérpretes prestan arredor de 125 servicios ao mes. Miguel Ángel González destacou que non se cobren tódalas demandas existentes debido a que o Concello de Vigo é a única institución que financia este servicio e non reciben outros apoios.

O servicio de Intérprete de lingua de signos pode ser solicitado por calquera persoa xorda ou oínte, ou por entidades públicas que necesiten manter unha comunicación con persoas xordas. O servicio é totalmente gratuíto e desenvolverase seguindo o sistema de “chamada previa”, é dicir, aquelas persoas que necesiten estes servicios deberán chamar á Asociación de Xordos comunicando os datos personais, data, lugar e materia para a que se require o servicio (teléfono 986-281370)

O Intérprete de lingua de signos é un profesional cun traballo consistente en transmitir unha menxase producida na lingua de signos a súa equivalente na lingua oral, e viceversa, de maneira simultánea, facilitando unha comunicación fluída entre persoas xordas e oíntes. O código deontolóxico da profesión de intérprete de lingua de signos garantiza a confidencialidade, a fidelidade na comunicación e a obxectividade do seu traballo. As condicións nas que se desenvolverán os servicios deben ser claras e explícitas, coñecidas e aceptadas por ámbalas partes.

Este convenio asinouse por unha contía de 30.651,62 € e unha vixencia de dous anos dende o día da súa sinatura.

Descargar todas as imaxes