Escoitar

Vigo recibe hoxe luns o Premio Nacional de Deporte en recoñecemento á súa traxectoria deportiva

Unha delegación do Concello de Vigo, integrada polo alcalde, o tenente de alcalde e o concelleiro de Deportes, recollerá esta tarde o Premio Nacional de Deportes do Consejo Superior de Deportes. Ás 19 horas, SS.MM. os Reis, os Príncipes de Asturias e as Infantas Dona Elena e Dona Cristina, acompañados polo secretario de Estado para o Deporte, Jaime Lissavetzky, presidirán a entrega dos galardóns, que se celebrará no Palacio Real de Madrid e que supón o recoñecemento á traxectoria deportiva de Vigo.

luns, 3 mai 2010
O galardón recoñece a experiencia e capacidade organizativa da cidade, por exemplo en relación ao Mundial de hockey sobre patíns, o europeo sub 21 de taekwondo, a candidatura á Universiada que logrou para Vigo o Forum FISU 2010 e os Mundiais Universitarios de taekwondo. Tamén premia a aposta por un deporte integrador, en tanto que o Concello de Vigo foi o que máis investiu en eliminar as barreiras arquitectónicas nas súas instalacións deportivas.

O premio valora aos deportistas, dirixentes e entidades que destacan na competición así como o apoio á promoción do deporte ao longo do ano. Polo tanto, dende o Concello de Vigo considérase que se trata dun premio colectivo, no que se recoñece o traballo e esforzo de todos os deportistas, clubs, federacións, nais e pais que posibilitan que os nenos fagan deporte, así como ás empresas que axudan cos seus patrocinios.