Escoitar

O alcalde anuncia a reforma de "todo o Parque Central de Bombeiros de Teis"

Abel Caballero informou de que a Xunta de Goberno Local aprobou hoxe luns a substitución da cuberta do Parque Central, o "comezo dunha gran reforma" que afectará a todo o edificio de Bombeiros de Teis. O alcalde indicou que a mellora permitirá que os vehículos conten cun estacionamento individual con saída automática, para gañar en axilidade no caso dunha emerxencia.

luns, 3 mai 2010
1272888818bomero.jpg
O alcalde de Vigo, Abel Caballero, anunciou este luns que o goberno local que preside acometerá a reforma de "todo o Parque Central de Bombeiros de Teis", actualmente en condicións que "non son as óptimas".

Segundo informou o rexedor socialista en rolda de prensa posterior á Xunta de Goberno Local, o Concello aprobou a substitución da cuberta do Parque Central, unha mellora "de gran interese" porque supón o "comezo dunha gran reforma" que afectará a todo o edificio.

O alcalde apuntou que a actuación no Parque dignificará as condicións do edificio e ademais permitirá a redistribución dos vehículos de extinción de incendios, facilitando que cada un teña un aparcamento individual con sistema automático de saída. Este sistema axilizará a partida dos vehículos en caso de emerxencia.

Nunha situación "moi complicada" atópase o segundo parque de Bombeiros, localizado nos baixos do estadio de Balaídos, aseverou Caballero. O alcalde indicou que está á espera de que o Porto de Vigo ofreza unha ubicación portuaria para a construcción dun novo parque.

A inicial substitución da cuberta do Parque Central de Bombeiros en Teis, xunto coa reforma aprobada tamén este luns polo goberno local do Parque Central de Servizos, suman un investimento municipal de 170.000 euros.

Cidade da Xustiza
O alcalde tamén repasou os trámites feitos polo Concello de Vigo, a través da Xerencia Municipal de Urbanismo, cara á consecución dos terreos da futura Cidade da Xustiza viguesa, iniciados fai catro meses.

Segundo explicou Caballero, nestes meses o Concello xa fixo o plano topográfico das parcelas, a ortofoto e traballa na elaboración das fichas individualizadas das 70 parcelas. Nuns seis meses estará rematada a tramitación da ocupación directa -a fórmula escollida para a consecución dos terreos-, para posteriormente reubicar aos afectados.
Descargar todas as imaxes