Escoitar

Santi Domínguez asegura que a inauguración da sección de galego da Biblioteca Nacional de París prestixiará nosa lingua

O tenente de alcalde, Santi Domínguez, e a concelleira de Normalización Lingüística, Iolanda Veloso, salientaron hoxe a importancia de que a Biblioteca Nacional de París amosara o seu interese pola literatura galega e decidira crear unha sección de infantil e xuvenil. Tras a xuntanza que mantiveron coa xestora dos fondos en literatura galega desta biblioteca francesa, Marie-Isabelle Prado, o edil asegurou que a inauguración desta sección na Biblioteca Nacional de París "vai prestixiar a nosa lingua, a nosa creación literaria e a difundir a nosa cidade".

mércores, 7 abr 2010
1270647097bibliotecaparis.jpg
O tenente de alcalde indicou que unha delegación de Vigo viaxará París cunha dotación bibliográfica integrada por fondos do Concello de Vigo e dos aportados polas diferentes editoriais do país. Adiantou que en breve este material estará a disposición da Biblioteca Nacional de París para abrir a sección de literatura infantil e xuvenil en galego. "Imos seguir na procura de que a nosa lingua sexa coñecida fóra de Galiza", asegurou.

Santi Domínguez explicou que esta iniciativa partiu do Clube de lectura de francés da Biblioteca Central, que dirixe Marie-Isabelle Prado, se puxo en contacto coa Biblioteca Nacional de París para facer unha visita as súas instalacións e " a súa sorpresa" foi que dende o centro parisino "mostraron moito interese por crear unha sección bibliográfica de literatura infantil e xuvenil en galego". A partir dese momento o Clube de lectura de francés contactou coa Concellería de Normalización Lingüística, dende onde se facilitaron fondos bibliográficos e se levaron a cabo as xestións pertinentes coas diferentes editoriais galegas para completar a dotación.

Iolanda Veloso salientou que o feito de que a Biblioteca Nacional de París se interese pola creación desta sección de literatura galega infantil e xuvenil "demostra que o galego é unha lingua universal". Asegurou que dende Normalización Lingüísitca se manterá un estreito contacto coa biblioteca para incrementar os fondos e destacou a importancia de que o galego sexa promovido "máis alá de Galiza".
Descargar todas as imaxes