Escoitar

Obradoiro de pensamento contemporáneo "Como facer cousas con palabras"

Os próximos días 4,5 e 6 de febreiro terá lugar no Verbum o obradoiro de pensameneto contemporáneo "Cómo facer cousas coas palabras" que organiza do colectivo "Proxecto Derriba". A actividade, de carácter gratuito, está dirixida ao público xeral , afeccionados á contemporaneidade das ciencias en xeral e universitarios. O prazo de inscrición está aberto ata completar o aforo de 40 persoas.

venres, 29 xan 2010
1264771267obradoiropensamento.jpg
Seica a filosofía non é máis cun falar, algo que se move a través das palabras, escritas, escoitadas, lidas, ausentes, fuxitivas... mais é posible facer cousas con palabras conceptos. 7 teorías 7 palabras, diversos autores contemporáneos que nos amosan un xeito singular de facer filosofía, de facer cousas con palabras.

Co obxectivo de avanzar na forxa dunha linguaxe e un vocabulario específico en galego que se faga cargo da problemática filosófico-política contemporánea proponse un obradoiro de pensamento sobre autores contemporáneos dirixidos tanto ao público universitario en xeral como a afeccionados á contemporaneidade das ciencias sociais, a filosofía ou a psicanálise. O obradoiro está desenvolto polos investigadores/as do colectivo Proxecto Derriba tratando de que a precisión técnica e contemporaneidade non sexan un impedimento para o seu carácter pedagóxico.

7 teorías 7 palabras
Fredric Jameson, Entre posmodernidade e utopía – Abraham Rubín
Fredric Jameson (Cleveland, 1934). Catedrático na Universidade de Duke, crítico e teórico literario. É un profundo coñecedor das tendencias modernas na cultura contemporánea e é un crítico activo do posmodernismo pola súa actitude pasiva ante a lóxica do capitalismo. Entre as súas múltiples publicacións destacan O posmodernismo ou a lóxica cultural do capitalismo avanzado e Documentos de cultura, documentos de barbarie.

Abraham Rubín (Ourense, 1978). Licenciado en Filosofía pola USC, é investigador do departamento de filosofía e filosofía moral e política da UNED, onde prepara a súa tese sobre as repercusións políticas do postestruturalismo. Membro do Seminario de Investigación Permanente Decontra e da Universidade Invisíbel, colectivo artellado en torno á docencia alternativa e a experimentación epistemolóxica e conceptual. Publicou o ensaio Toni Negri: da revolta italiana á potencia da multitude (no prelo), ademais de numerosos artigos en distintas revistas de pensamento. É colaborador do xornal Diagonal e profesor de ensino secundario da Xunta de Galicia. Actualmente prepara o ensaio Fredric Jameson, entre posmodernidade e utopía.

A escatoloxía política de Slavoj Žižek – Óscar Rodríguez
Slavoj Žižek (Ljubljana, 1949) é sociólogo, filósofo e psicanalista. A súa obra integra psicanálise e marxismo, exemplificando e explicando de tal xeito a cultura popular. Ten publicados diversos libros entre os que destacan Ideología un mapa da cuestión (1989) ou Porque non saben o que fan. O Gozo como factor político (1991), O espiñento suxeito. O centro ausente da Ontología política (1999), Perspectiva de paralaxe (2006).
Óscar Rodríguez de Dios (Ourense, 1975). Licenciado en Filosofía pola USC. Doutor en filosofía coa tese "A Ontoloxía política de Slavoj ŽiŽek" (UNED, 2009). Ten estudos de Arquitectura. Bolseiro de Investigación MEC na UAM (2002-2004). Investigador no Instituto de Filosofía da Universidade Humboldt de Berlin (2004). Actualmente é profesor substituto de ensino secundario.

Deconstrucións Unha volta a Jacques Derrida - Delmiro Rocha
Jacques Derrida (1930-2004). Francés nado en Alxeria. É considerado un dos máis importantes e influíntes pensadores da filosofía contemporánea e grande activista político. O seu pensamento pasará a ser recoñecido coa etiqueta de deconstrución, metodoloxía investigativa que hoxe se aplica a diversas artes. Autor moi prolífico do que destacamos Da gramataloxía, A escrita e a diferenta ou Marxes da filosofía.
Delmiro Rocha (Salceda de Caselas, 1980). Licenciado en Filosofía pola USC, bolseiro do
departamento de filosofía pola UNED, traballa entre ese departamento e o de Langue, littérature et civilisation des pays anglophones na Université Charles de Gaulle Lille 3 (Francia), onde ultima a súa tese sobre o concepto de soberanía en Jacques Derrida. Membro do grupo de investigación Deconstrucción (UNED) e do seminario de investigación Decontra, que na actualidade se acha inmerso na tradución ao castelán do libro Glas de Jacques Derrida. Publicacións en diferentes revistas de pensamento. Actualmente traduce ao castelán xunto a Cristina de Peretti o libro de Jacques Derrida Séminaire la bête et le souverain. Volume I (2001-2002) .

Judith Butler, alén do xénero - Beatriz Blanco
Judith Butler (Cleveland, 1956) é profesora no departamento de retórica e literatura comparada na Universidade de Berkeley. Intelectual e pensadora feminista. Destaca a análise que realiza dende unha perspectiva crítica das tarefas asociadas aos diversos sexos que constrúen as identidades identificativas de cada un deles. Destacamos entre os seus libros Problemas de Xénero e Corpos que importan.
Beatriz Blanco (Ferrol, 1980). Licenciada en Filosofía pola USC. Investigadora do departamento de filosofía da UNED onde ultima a súa tese sobre Glas, de Jacques Derrida: "La escritura del absoluto". Membro do grupo de investigación Deconstrucción (UNED), do seminario de investigación permanente Decontra, que así mesmo se acha inmerso na tradución ao castelán do libro Glas de Derrida. Profesora de ensino secundario da Xunta de Galicia. Ten publicados diversos artigos en diferentes revistas e realizado estancias de investigación en París e Los Ángeles (California).

Outro xeito de ser, o pensamento de Gianni Vattimo – Brais González
Gianni Vattimo. (Turín, 1936). Catedrático de Filosofía Teorética na Universidade de Turín. Membro da Academia Europea das Ciencias e das Artes. Foi parlamentario europeo por Demócratas de Esquerda ata 2004. É un dos principais autores da posmodernidade, fundador do pensamento débil; ten moitas obras de interese, entre as que destacan O fin da modernidade ou As aventuras da diferenza.
Brais González Arribas (Ourense, 1980). Licenciado en filosofía pola USC. Ten estudos de Psicoloxía. Profesor titular de Filosofía e Antropoloxía no EPAPU de Ourense. Publicou o ensaio Outro xeito de ser, o pensamento de Gianni Vattimo (no prelo).

Ulrich Beck: Cosmopolitismo versos globalización – Francisco Conde
Ulrich Beck (Munich, 1944). Sociólogo. Profesor da Universidade de Múnich e da London School Economics. Estuda aspectos como a modernización, os problemas ecolóxicos, a individualización e a globalización. Autor de A sociedade do risco global entre outras.
Francisco Conde Soto (Vigo, 1978). Licenciado en filosofía pola USC. Doctor Europeo: "O problema da conciencia do tempo na fenomenoloxía de Edmund Husserl", Universidade de Barcelona. Ten publicado entre outros traballos Martín Heidegger, Ed. Bahía, 2007.

Antonio Negri, da revolta italiana á potencia da multitude-Álvaro Otero e Abraham Rubín
Toni Negri (Padua, 1933). Filósofo e pensador cunha biografía cando menos controvertida, sendo militante activo de diversos movementos vinculados á esquerda marxista. Profesor universitario dende moi mozo ten publicados unha gran cantidade de escritos, entre os que destacamos O tren de Finlandia, Imperio ou Os libros da autonomía.
Álvaro Otero (Santiago, 1978). Licenciado en Filosofía pola USC (2001). Diploma de Estudos Avanzados en Filosofía (UCM) e en Teoría da literatura e literatura Comparada (USC). Máster en Edición da USC (2005). Profesor de ensino secundario da Xunta de Galicia, organizador de ciclos de cine, Mostras, Editor da revista "Fondazione Casa America" e tradutor de Biblioteca Nueva, onde publicou entre outros traballos a edición completa de "La ciudad del sol" de T. Campanella.

Programa
Xoves 4 de Febreiro de 2010
17:00h Presentación
17:15-18:15 Fredric Jameson, Entre posmodernidade e utopía – Abraham Rubín
18:15-18:45 Debate
19:00-20:00 A escatoloxía política de Slavoj Žižek – Óscar Rodríguez
20:00-20:30 Debate
Venres 5 de Febreiro de 2010
17:00h Presentación
17:15-18:15 Deconstrucións Unha volta a Jacques Derrida - Delmiro Rocha
18:15-18:45 Debate
19:00-20:00 Judith Butler, alén do xénero - Beatriz Blanco
20:00-20:30 Debate
Sábado 6 de Febreiro de 2010
10:00-10:15 Presentación
10:15-11:15 Outro xeito de ser, o pensamento de Gianni Vattimo – Brais
González
11:15:11:45 Debate
12:00-13:00 Ulrich Beck: Cosmopolitismo versos globalización – Francisco Conde
13:00-13:30 Debate
17:00-17:15 Presentación
17:15-18:15 Antonio Negri, da revolta italiana á potencia da multitude - Álvaro
Otero e Abraham Rubín
18:15-18:45 Debate

Inscricións:
O obradoiro ten inscrición gratuíta. O aforo do mesmo será de 40 persoas. As inscricións
poderán enviarse por correo electrónico ao seguinte enderezo verbum@vigo.org
Descargar todas as imaxes