Escoitar

O MARCO prepara as súas vindeiras inauguracións e adianta a súa programación para o ano 2010

Entre finais deste mes de xaneiro e principios de febreiro, o MARCO inaugura as dúas primeiras exposicións do ano 2010 –a colectiva ‘Cousas que só un artista pode facer’ no primeiro andar, á que seguirá o proxecto de Jose Dávila no Espazo Anexo– coas que arranca a programación dos vindeiros doce meses.

luns, 18 xan 2010
126382255922882.jpg
Neste ano 2010, o Museo de Arte Contemporánea de Vigo continuará afianzando a nova liña de exposicións individuais iniciada en 2009, que se combina con outros proxectos colectivos. Unha vez clausurada a individual de Jorge Barbi na planta baixa a mediados de febreiro, a mostra viaxará a Lisboa, onde se exhibirá na Fundação Calouste Gulbenkian do 6 de maio ao 6 de xullo de 2010. Precisamente esta itinerancia e proxección exterior, froito do esforzo de coprodución con outras entidades e museos ao longo destes anos, e do recoñecemento do labor desenvolvido e da calidade das iniciativas postas en marcha dende o MARCO, é unha das características da programación expositiva do museo nos vindeiros meses. Entre 2010 e principios de 2011, varias exposicións de produción propia poderán verse tamén en cidades como Lisboa, Metz, Badaxoz ou Madrid, entre as que cabe destacar a presenza de dous artistas galegos como Jorge Barbi e Virxilio Vieitez en Lisboa (Fundação Calouste Gulbenkian) e Madrid (Fundación Telefónica), respectivamente.

A programación comeza cunha mostra colectiva comisariada por David Arlandis e Javier Marroquí, e coproducida co MEIAC de Badaxoz. Baixo o título ‘Cousas que só un artista pode facer’, este proxecto é resultado dunha investigación que estuda a presenza do humor na arte actual, e que fixa a súa atención na aparición de certas actitudes artísticas nas que o humor se manifesta dun xeito próximo ao absurdo. A exposición presenta traballos de artistas que poñen o seu empeño en proxectos que supoñen un grande esforzo, moitas veces desmedido e irracional en relación cos resultados que se pretende obter, e que mostran ese interese da arte actual por utilizar o humor como vehículo de expresión.

No que respecta a exposicións individuais, a mostra de Jorge Barbi na planta baixa deixará paso, a finais de febreiro, á fotógrafa alemá Candida Höfer, unha das máis importantes representantes da Escola de Düsseldorf, no que será a primeira retrospectiva en España desta artista. A exposición reúne unha coidada selección dos seus traballos dos últimos corenta anos, nunha montaxe realizada polo prestixioso estudio de arquitectura Kuehn Malvezzi. Baixo o título ‘Projects: Done’ inclúense obras de proxectos levados a cabo por Candida Höfer entre 1968 e 2008. O termo ‘Project’ enténdese aquí como forma de traballo que se desenvolve durante un período de tempo previamente establecido, e/ou que é completado –['Done']– unha vez conseguido o obxectivo formulado. Así, as obras seleccionadas ofrecen este trazo distintivo respecto a outros traballos que poderiamos definir como actividade artística regular. Tras a presentación en Vigo, esta exposición, que xa se viu no Museum Morsbroich de Leverkusen, visitará o CAAC, Centro Andaluz de Arte Contemporáneo de Sevilla, para rematar o seu percorrido no Belvedere de Viena.

No mes de maio preséntase a proposta gañadora da última convocatoria do Premio para novos comisarios, que nesta edición foi convocado conxuntamente polo MARCO de Vigo e o FRAC Lorraine de Metz, Francia, e que ten como obxecto a realización dun proxecto expositivo para ambas as dúas sedes. Entrelazando os estudios antropolóxicos sobre a relixión da obra de Mircea Eliade El mito del eterno retorno (1956) e o libro de James Frazer La rama dorada. Un estudio sobre magia y religión (1922), o comisario Inti Guerrero reúne obras de artistas que tratan sobre a idea do ritual e da relixión en diferentes contextos, relacionados coa política, a memoria colectiva e a cultura popular, nunha mostra colectiva que leva por título ‘Cando a póla rompe’.

A partir do mes de xuño, unha nova colectiva ocupará os espazos da planta baixa do MARCO durante todo o período estival. Obras da colección do Centro Galego de Arte Contemporánea (Santiago de Compostela) trasládanse a Vigo, nunha selección comisariada por Virginia Torrente. Os fondos da Colección CGAC, unidos aos pertencentes á Fundación ARCO e outros depósitos, fan dela unha das máis interesantes de todo o territorio peninsular. A Colección do CGAC, que na actualidade conta con máis dun milleiro de obras, é reflexo das actividades e programación do Centro dende a súa data de apertura, e nela están representados artistas de diversos contextos, linguaxes e soportes, que reflicten os momentos máis significativos do panorama artístico internacional, ademais de pezas relevantes de artistas galegos. Os seus fondos non se exhibiron nunca en Vigo, polo que a exposición permitirá un novidoso achegamento á colección, e unha maior difusión e visibilidade desta.

Entrando na tempada de outono, unha coprodución coa Fundação Calouste Gulbenkian de Lisboa traerá ao MARCO a obra de Vasco Araújo e Javier Téllez. Ademais de pertencer á mesma xeración, ambos os dous artistas teñen en común certos aspectos que permiten un frutífero diálogo, como a presenza dunha dimensión psicolóxico-psiquiátrica, que pon o acento no estraño, no incómodo, naquilo que moitas veces non se quere ver ou non se está disposto a afrontar. A exposición ‘Máis que a vida’, comisariada por Isabel Carlos, mostrará unha revisión dos seus traballos, ademais de obras creadas especificamente para esta ocasión.

O ano 2010 conclúe con outra grande individual na planta baixa. Dous anos despois da morte de Virxilio Vieitez (Soutelo de Montes, Pontevedra, 1930-2008), no mes de outubro inaugúrase no MARCO a esperada retrospectiva deste xenio da fotografía que, ao igual que outros grandes fotógrafos, revolucionou para sempre o modo de captar e percibir a realidade. A existencia dun importante arquivo familiar que garda a totalidade da súa produción, fará posible unha investigación a fondo. Ademais dos traballos máis coñecidos de Vieitez, presentaranse obras inéditas, como fotografías en cor e vintage, nunha selección comisariada pola italiana Enrica Viganò, especialista en fotografía histórica. Coproducida coa Fundación Telefónica, a exposición poderá verse despois nas renovadas salas desta institución en Madrid, para viaxar máis tarde a outras cidades.

O Espazo Anexo tamén experimenta cambios na súa programación neste 2010. O artista mexicano Jose Dávila pechará, entre os meses de febreiro e maio, o ciclo ‘Puntos de encontro/Meeting Points’ un proxecto comisariado por Agar Ledo Arias, responsable de exposicións do MARCO, no que cinco artistas estableceron un diálogo entre o espazo de exhibición e o seu contexto máis inmediato. Ao longo de todo 2009 e principios de 2010, Pedro Barateiro, Manuel Eirís, Carlos Bunga, Nicolás Combarro e Jose Dávila converteron o Anexo no lugar das conclusións ou da formalización das experiencias, fronte á consideración do museo como lugar de exposición do obxecto. Proximamente, un catálogo editado polo MARCO recollerá estes cinco proxectos, todos eles intimamente relacionados coa cidade de Vigo.

A partir dese momento, ábrese no Espazo Anexo un novo período cunha proposta que fai honra ao carácter experimental deste espazo como sala de proxectos. O proxecto ‘Hotel’, que consiste en transformar o lugar nun cuarto de hotel con distintos usos, é unha proposta do artista Michael Lin e RVR Arquitectos. A idea do proxecto xorde da oportunidade de reformar un espazo xa existente, dotándoo de novos usos, e cun sentido práctico, como apartamento no que poder invitar comisarios, artistas e investigadores dentro dun programa de residencias. Tamén se considera a posibilidade de que o público en xeral poida, en función da dispoñibilidade do espazo, visitalo ou utilizalo como cuarto de hotel propiamente dito, tendo a oportunidade de aloxarse nun espazo museístico concibido como proxecto artístico.

Outra das liñas do MARCO para 2010 ten que ver co convite a artistas para levar a cabo proxectos específicos en lugares do edificio habitualmente non destinados a exposicións, como vestíbulo, zonas de tránsito, áreas de traballo, etc. Nalgúns casos as propostas estarán ligadas a talleres de artista nos que se tratarán aspectos relacionados co espazo. Esta nova liña de programación inaugurarase cunha proposta da artista viguesa Almudena Fernández Fariña.
126382255922882.jpg
126382258574301.jpg
Descargar todas as imaxes