Escoitar

O alcalde salienta que 71 persoas traballaron nas humanizacións de Baiona e Redondela, con 3 millóns de investimento

Abel Caballero presidiu este luns a inauguración das rúas Baiona e Redondela, en Coia, reformas nas que o goberno local investiu 3 millóns de euros do Plan E e que deron emprego a 71 traballadores, 20 dos cales procederon das listas viguesas do paro. O alcalde mostrou a súa "satisfacción" polo resultado e subliñou asemade o mantemento no substancial das prazas de aparcamento e as dobres direccións incorporadas a demanda dos veciños.

luns, 11 xan 2010
1263218826humanizacioncoia1.jpg
O alcalde de Vigo, Abel Caballero, salientou este luns na inauguración das humanizacións das rúas Baiona e Redondela, en Coia, que estas reformas deron emprego a 71 persoas e supuxeron un investimento total de tres millóns de euros.

As melloras, tal e como sinalou Caballero, comprenderon a renovación do abastecemento, do saneamento, do firme e do asfalto das rúas, sumando un total de 5.000 metros cadrados de beirarrúas de granito. Ademais incorporáronse uns 90 árbores e 65 puntos de luz, ademais de xardineiras, papeleiras e bancos.

O alcalde fixo fincapé no mantemento das prazas da aparcamento e na resposta do Concello á "demanda cidadá" das dobres direccións, que foron incorporadas ao proxecto "dando satisfacción" á solicitude veciñal. A rúa Redondela e unha parte de Baiona contan cun dobre sentido, unha "mellora substancial" na circulación, e ademais Caballero avanzou que en Coia, diante do campo de fútbol, urbanizarase un espazo onde o Concello habilitará espazos de aparcamento.

Abel Caballero mostrou a súa "satisfacción" por unha reforma "especialmente ben trazada" e asegurou que "viña reclamándose esta actuación desde fai moito tempo" na zona. O alcalde agradeceu tamén a "cooperación" cidadá durante a duración dos traballos de humanización.
Descargar todas as imaxes