Escoitar

A feira "Espacio Atlántico" presenta como novidade a creación dunha colección de arte, que será depositada no Marco

O tenente de alcalde, Santi Domínguez, avanzou este venres que a cuarta edición da feira "Espacio Atlántico", será unha convocatoria totalmente renovada e que impulsa a súa relación coa cidade. A feira, que se celebrará no IFEVI do 14 ao 17 de xaneiro está "xa totalmente consolidada" segundo afirmou o tenente de alcalde, e presenta como novidade a creación dunha colección de arte propia, que será depositada no museo Marco.

venres, 8 xan 2010
1262960260espacioatlantico.jpg
"A cesión das obras da colección Espacio Atlántico ao Marco é unha importante contribución ao legado artístico desta cidade", destacou o tenente de alcalde na presentación da feira, na que tamén participaron o director xeral de Promoción e Difusión de Cultura, Francisco López Rodríguez, a directora da feira, Marta Scarpellini, e o seu director artístico, David Barro, e o director da Obra Social de Caixanova, Guillermo Brea.

Santi Domínguez afirmou que esa decisión mostra o compromiso da feira coa cidade. Lembou que esa relación tamén se amosa no feito de que destinará o 15% da recadación da entrada á Fundación IgualArte, que traballa con persoas con discapacidade no ámbito da arte. "Deste xeito será posible combinar a posibilidade de disfrutar ao contemplar unha obra de arte coa práctica da solidariedade", afirmou.

A directora a directora de Espacio Atlántico, Marta Scarpellini, destacou que a feira afonda na relación coa cidade e co museo Marco co obxectivo de que Vigo "forme parte deste acontecemento" Ao respecto indicou que o catálogo da feira inclúe unha guía de Vigo, na que se recollen distintos aspectos da cidade como unha introdución histórica, información sobre a arquitectura, as rutas que se poden realizar, e diversa información relacionada co lecer.

O director artístico da feira, David Barro, afirmou que a vindeira edición de Espacio Atlántico que se inaugura o xoves suporá un "punto de inflexión" en Galiza no que o mercado da arte se refire. "Galiza é moito máis forte no mercado da arte do que pode parecer", afirmou, polo que expresou o seu agradecemento ao comité organizador "polo seu labor importante de apoio durante todos estes anos". Neste santido fixo referenza ao compromiso da organización co medio ambiente

O director da Obra Social de Caixanova, Guillermo Brea, afirmou que o apoio de Caixanova a Espacio Atlántico amosa o seu compromiso coa cultura en Galiza. Por outra banda, anunciou que a entidade estará presente na feira cun estand deseñado por un dos grafitereiros vigueses que ten alcanzado xa fama internacional.

O director xeral de Promoción e Difusión de Cultura, Francisco López Rodríguez, sinalou que dende a Consellería de Cultura considerouse importante apoiar Espacio Atlántico porque "xa dende que nos presentaron o proxecto comprobamos que se trataba dunha feira que procura a excelencia organizativa garantindo a calidade". Ademais, destacou que a feira busca "situar Vigo e Galiza no centro do mercado mundial da arte".

"A ilusión que Marta Scarpellini e eu tiñamos hai catro anos é agora unha realidade e os nosos propósitos están practicamente conseguidos", concluiu o tenente de alcalde.
Descargar todas as imaxes