Escoitar

Eudosio Álvarez anuncia a reforma dos baixos do mirador do Paseo de Alfonso, que se sumarán ás dependencias do CAT

O concelleiro de Patrimonio Histórico, Eudosio Álvarez, anuciou este luns que tras a remodelación prevista, os baixos do mirador do Paseo de Alfonso se sumarán ás dependencias do Centro de Artesanía Tradicional. Na presentación dos obradoiros que desenvolverá o CAT no primeiro semestre de 2010, o edil destacou que esta iniciativa forma parte do impulso que dende as áreas coordinadas pola Tenencia de Alcaldía se lle está dando a recuperación do patrimonio histórico e cultural.<br />

luns, 11 xan 2010
1263219045obradoiroscat.jpg
Eudosio Álvarez explicou que o remate das reformas deste espazo de titularidade municipal está previsto para finais deste ano e conta cun orzamento de 300.000 euros. Segundo o concelleiro de Patrimonio Histórico, esta remodelación servirá para potenciar as actividades do CAT, entre as que destacou a celebración da feira de artesanía tradicional. "Queremos que o CAT deixe de ser o lugar que amosa o que fomos para dar un salto ao que podemos chegar a ser", manifestou.

No primeiro semestre de 2010, o Centro de Artesanía Tradicional de Vigo acollerá un total de sete obradoiros, centrados na cestería e na artesanía textil. O programa está orientado para todos os públicos, con cursos para diferentes niveis que permitirán ao alumnado achegarse ás variadas formas e técnicas da cestería, con especial atención á fabricada na comarca de Vigo, e do tecido tradicional galego. A primeira actividade é o curso de iniciación "A cestería de vimbio I", que se impartirá do 11 de xaneiro ao 2 de febreiro, de luns a venres de 9:30 a 13:30 horas, no que o alumnado poderá coñecer as técnicas utilizadas dende a Prehistoria para facer cestos.
"A cestería de vimbio II: Cestas do rural", do 3 de febreiro ao 26 de marzo os luns, mércores e venres de 9:30 a 13:30 horas. Con este obradoiro o alumnado se adentrará no mundo da cestería vinculada á vida no campo. Paralelamente desenvolverase o obradoiro "Cestos de palla" do 2 de marzo ao 29 de abril, os martes e xoves de 16:30 a 20:30 horas. Trátase dunha das actividades máis antigas de Galiza, pero tamén a máis minoritaria ao non ser o noso país un centro produtor de cereais. Entre o 5 de abril e o 31 de maio terá lugar o obradoiro "Cestería na Ría de Vigo", os luns, mércores e venres de 9:30 a 13:30 horas. Este é un obradoiro de perfeccionamento destinado aos alumnos e alumnas con ampla experiencia, que afondarán no seu coñecemento mediante o pasado rural e mariñeiro.

O curso de iniciación "Cestos de vimbio" celebrarase do 4 ao 31 de maio, os martes e xoves de 16:30 a 20:30 horas. Nel o alumnado coñecerá as técnicas en vimbio empregadas dende a Prehistoria. O último obradoiro sobre cestería será "Cestería de uso doméstico", que se desenvolverá dende o 1 ao 30 de xuño, os luns, mércores e venres de 9:30 a 13:30 horas e os luns, martes e xoves de 16:30 a 20:30 horas. Con este curso o alumnado poderá introducirse nos obxectos de uso cotiá no quefacer doméstico diario das casas galegas ata hai uns anos, como o abano, paneira, froiteiro e bandexa. O obradoiro de tecido tradicional "Tecendo con fíos de lá" terá lugar do 2 ao 25 de marzo, os martes e xoves de 9:30 a 13:30 horas. Con este obradoiro de iniciación os alumnos e alumnas entrarán en contacto coas técnicas básicas do tecido tradicional a través dunha aprendizaxe nun tear de alto lizo.

Na presentación, o coordinador do CAT, Manuel Estévez, indicou que os cursos xa teñen as prazas cubertas, agás o obradoiro de iniciación "Cestería de uso doméstico", polo que as persoas interesadas poden enviar o boletín de inscrición ao CAT por correo ou fax ao número 986 220 758, ou a través do formulario na web www.vigo.org/artesania. Sinalou tamén no pasado ano participaron nos obradoiros un total de 134 persoas.
Descargar todas as imaxes