Escoitar

A Escola de Danza municipal experimenta un repunte de actividade ao aumentar un 31% o seu número de alumnos

A Escola de Danza e Percusión Tradicionais, que depende da Concellería de Cultura e Animación Sociocultural do Concello de Vigo, experimentou un repunte no seu número de alumnos e alumnas matriculadas no inicio do curso 2009-2010. Fronte ás 220 persoas incritas no curso pasado, neste mes de outubro son 320 os alumnos e alumnas que participarán nalgún dos grupos de música tradicional desta Escola, o que supón un incremento de máis do 31%.

luns, 26 out 2009
Este incremento das persoas matriculadas na Escola de Danza e Percusión Tradicionais vese reflectida no aumento de diversos grupos e seccións. Mentres o ano pasado a Escola impartía actividades extraescolares en catro centros de ensino da cidade, neste curso son sete os que contan con grupos de danza e percusión dependentes da entidade municipal. Estes centros son os CEIP A Doblada, Chans de Bembrive, Carrasquira, Rúa Aragón, Santa Tegra, Monte da Guía e Javier Sensat.

Asemade, dun único grupo de percusión que existía o ano pasado, na actualidade son tres as agrupacións formadas. Por outra banda, a Escola de Danza e Percusión Tradicionais, dirixida por Wenceslao Cabeza "Polo", manén os dous grupos de alumnos e alumnas de máis de 65 anos, integrados por 27 e 22 persoas respectivamente.