Escoitar

Xabier Alonso asegura que o proxecto de Vigo para o Mundial tivo "unha boa acollida" na presentación na RFEF

O concelleiro de Deportes, Xabier Alonso, presentou esta mañá na Real Federación Española de Fútbol (RFEF) o proxecto de Vigo para optar a ser unha das sedes do Mundial no ano 2018 ou 2022. Ao remate da xuntanza explicou que a proposta da nosa cidade "tivo unha boa acollida".

martes, 15 set 2009
1253016967balaidos.jpg
O concelleiro salientou que "sorprendeu a versatilidade do proxecto" presentado para a reforma do estadio municipal de Balaídos, que premite adaptar o aforo ás necesidades e modificar tamén os usos das instalacións. Segundo indicou, tamén resultou do agrado dos responsables federativos os aspectos medioambientais que recolle a proposta.

O concelleiro entregou o proxecto a Miguel Galán Torres, a persoa designada porla RFEF como responsable do Proxecto Candidatura Ibérica, que é así como se vai denomizar finalmente o proxecto conxunto que presentarán España e Portugal diante da FIFA. Xabier Alonso estivo acompañado polo secretario xeral da Federación Galega de Fútbol, Diego Batalla; o coordinador do equipo que elaborou a reforma do estadio de Balaídos, Jesús Llamazares, e o coodinador da Tenencia de Alcaldía, José Ángel Otero.

Xunto a Vigo presentaron esta mañá a súa candidatura tamén as cidades de Madrid, Málaga e Santander. O prazo para presentar as propostas diante da RFEF remataba hoxe, sen embargo algunha cidade pediu unha prórroga para poder completar a documentación esixida. Este feito vai xerar un retraso nos prazos inicialmente previstos para a resolución das 14 cidades que o estado español presentará como sedes. Así iniciamente estaba fixado o 30 de setembro para facer un primeiro corte das cidades candidatas e agora non será ata a segunda semana de outubro cando se coñeza esa decisión.

Xunto ao proxecto para a reforma do estadio de Balaídos, o concelleiro de Deportes entregou un dossier no que se recolle unha completa relación dos aspectos hosteleiros, turísticos e históricos da nosa cidade.
Descargar todas as imaxes