Escoitar

O Museo Liste integrarase na rede museística para popularizar o patrimonio etnográfico

O tenente de alcalde, Santi Domínguez, anunciou este martes que o Museo Liste se integrará no plan museístico vigués co obxectivo de dar a coñecer e popularizar o seu patrimonio etnográfico. Así o manifestou o concelleiro, tras a sinatura hoxe do convenio de colaboración entre Tenencia de Alcaldía, a Concellería de Patrimonio Histórico e a Fundación Liste, que ascende a 96.000 euros.<br /> <br />

martes, 15 set 2009
1253017194convenioliste.jpg
"Un dos retos que nos propuxemos cando chegamos ao goberno foi reorientar e racionalizar os museos da cidade e vertebrar a oferta museística en torno a un plan, porque contamos con contentores museísticos moi importantes", salientou o tenente de alcalde. Santi Domínguez indicou que efectivamente "aínda falta cousas", como a pinacoteca ou a nova sede do Arquivo Pacheco, "que xa están en marcha". Sinalou que "falta tamén popularizar os nosos museos, incluído o de Castrelos e o Museo Liste, polo que temos que seguir traballando neste sentido".

Santi Domínguez destacou que dentro da rede museística, o material etnográfico é fundamental, xa que supón unha "parte moi importante do noso pasado". Para acadar a recuperación do patrimonio etnográfico da cidade subliñou que hai xa dous elementos imprescindibles, "a voltade política e o traballo de Olimpio Liste e a súa fundación". Segundo o tenente de alcalde, os 96.000 eurso do convenio "son só unha pequena parte do que significa o traballo de Olimpio Liste e o seu equipo".

O tenente de alcalde adiantou tamén que, independentemente do convenio asinado, o ano que vén se porán en marcha percorridos pola cidade "para dar a coñecer o patrimonio etnográfico que temos nas nosas parroquias e contando co museo Liste". "Unha cidade que non cuida, valora e respecta o seu pasado dificilmente pode ter un gran futuro", subliñou.

O presidente da Fundación Liste, Olimpio Liste, asegurou que conta coa sorte "de ter o mellor museo etnográfico", porque non só alberga milleiros de obxectos, senón porque estes "narran o pasado" a través das guías que orientan no percorrido polo museo. Neste sentido negou que o museo sexa un "asilo de obxectos". "Vigo é mar e porto, pero tamén terra", afirmou na súa intervención.

"Queremos que ese traballo apaixoado realizado pola Fundación Liste sexamos capaces de amosalo no noso medio máis próximo, porque en Vigo temos aínda cultura de aldea, dos obxectos e das cousas que nos fixeron chegar a onde estamos", rematou o concelleiro de Patrimonio Histórico, Eudosio Álvarez.
Descargar todas as imaxes