Escoitar

A Concellería de Deportes oferta 4.200 prazas nas escolas deportivas municipais para o curso 2009/2010

As escolas deportivas municipais comezarán este ano o 1 de outubro e prolongaranse durante oito meses ata o 30 de maio. Xabier Alonso, concelleiro de Deportes, e Ángel Lago, director do Instituto Municipal dos Deportes, presentaron hoxe un novo curso, no que a concellería investirá 150.000 euros e para o que se programou o ensino de 28 modalidades deportivas para os nenos e nenas, ofertando unhas 4.200 prazas para nenos e nenas empadroados en Vigo e nacidos desde 1993 a 2003, aínda que tamén hai catro programas para adultos maiores de 18 anos e baloncesto e natación para discapacitados físicos e psíquicos.

xoves, 20 ago 2009
1250772685escolas.JPG
"É un dos programas máis importantes da nosa Concellería; a función básica das escolas é a social e a opción de que os nenos se inicien na práctica deportiva", subliñou o concelleiro nacionalista sobre as escolas. Para el, trátase de que os alumnos "entren en contacto co deporte, aprendan, gocen e se enganchen. Se despois chegan os éxitos, pois moito mellor, pero cremos que é indispensable a formación deportiva, que fará adultos máis solidarios, con máis capacidade de afrontar as dificultades da vida", dixo.

As escolas deportivas, que no curso 2008/2009 tiveron 3.400 alumnos e alumnas inscritos, increméntanse de novo para este ano; así, haberá algunhas novidades como a loita e a loita galega tradicional (baixo a supervisión da Federación Galega de Loita) e o taekwondo (impartido pola Asociación Deportiva Budo Castrelos) no que se refire ás idades de formación, e a defensa persoal (A.D. Famu) en canto ás escolas para adultos. Os clubs máis importantes da cidade e, onde estes non chegan, as propias federacións, apoian os programas cos seus adestradores e monitores nas pistas do IMD.


"Cremos na diversidade dos programas e aínda que sabemos que algún non se enche (os tradicionais si ao 100%), é bo que todos eles teñan cabida nas escolas", sinalou Xabier Alonso. Os prezos son moi alcanzables: 39,35 euros por curso para nenos e nenas, 101,20 euros para a natación sincronizada e 117,85 euros para os adultos.

O IMD abrirá en setembro cinco prazos de matrícula de forma graduada: para as antigas e antigos alumnos de patinaxe (3 e 4 de setembro), para as antigas e antigos alumnos de ximnasia rítmica e tenis (8 ao 10 de setembro), para as antigas e antigos alumnos de todas as modalidades (do 14 ao 17 de setembro), para os novos e antigos alumnos de todas as modalidades (do 21 ao 24 de setembro) e do 29 ao 30 de setembro para os adultos nas súas catro modalidades (defensa persoal, tenis de mesa, tiro con arco e xadrez).

Haberá un segundo período de matrícula do 5 ao 23 de outubro nas modalidades que haxa prazas libres, e unha matrícula aberta de forma permanente entre o 10 e o 22 de cada mes de novembro a abril.
Descargar todas as imaxes