Escoitar

Xabier Alonso di que a recuperada Travesía a Nado da Ría, este domingo, "é un espectáculo" que paga a pena ver

A Travesía a Nado da Ría disputarase o vindeiro domingo 23 e agosto entre a praia do Con, en Moaña, e a dársena interior do Náutico de Vigo, segundo anunciaron este xoves o concelleiro de Deportes, Xabier Alonso, e o presidente do RC Náutico, Franco Cobas. O concelleiro nacionalista pediu "o apoio dos cidadáns e cidadás" o domingo, porque "a proba ten cada vez máis nivel e entusiasmo, a cidade debe envorcarse máis, porque é un espectáculo ver a tanta xente cruzando a Ría a nado".

mércores, 19 ago 2009
1250687054travesia.jpg
Son 170 os nadadores e nadadoras inscritas na proba, que comezará o domingo 23 de agosto ás 11.30 horas. Pili Pousa, delegada de natación do club vigués, subliñou que tiveron que pechar a inscrición nesa cifra (esixencias de seguridade de Capitanía Marítima) e que se quedaron moitos deportistas fóra, tal é o interese que está a gañar a proba, puntuable ademais para o circuíto galego de augas abertas.

Xabier Alonso encomiou a presenza de Iván Brión (C.N. Riveira), que en setembro competirá coa selección estatal na Copa de Europa de Augas Abertas. "Ten unha gran proxección, o ano pasado xa gañou en Vigo rebaixando o tempo de David Meca e sería un novo éxito para a proba se logra rebaixalo de novo", salientou.

A proba, unha clásica nos anos 50, aínda que a primeira celebrouse en 1945, recuperou coa directiva que preside Franco Cobas o esplendor de outrora. De feito, Cobas lembrou na presentación, nos salóns do Real Club Náutico, que a Travesía era "a materia pendente" da súa directiva, e con esta serán catro edicións organizadas de forma consecutiva, o maior número seguidas de sempre. Pola súa banda, o concelleiro de Mar de Moaña, Daniel Rodas, felicitouse polo apoio do seu concello á proba e de que esta parta "da única praia con bandeira azul que Moaña ten".
Descargar todas as imaxes