Escoitar

O alcalde explica na FEMP o modelo vigués para conciliar o ocio nocturno coa convivencia cidadá

Abel Caballero participou este martes na Comisión Executiva da Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP), que presentou na súa orde do día unha ordenanza tipo de seguridade e convivencia cidadá para a súa distribución entre os municipios. O alcalde explicou o modelo de Vigo, que xa conta cunha norma ao respecto en aplicación.

martes, 28 xul 2009
1248783496femp.jpg
O alcalde, xunto ao rexedor de Elche, Alejandro Soler, e, á esquerda, o de Sabadell, Manuel Bustos
O alcalde de Vigo, Abel Caballero, explicou este martes na reunión ordinaria da Comisión Executiva da Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP) o modelo vigués de loita contra o chamado botellón, a ordenanza reguladora da convivencia cidadá e o ocio, xa en aplicación.

A FEMP presentou na súa orde do día unha normativa tipo para distribuir a todos os municipios sobre esta cuestión, para que poida ser aplicada polos concellos que así o consideren ou o precisen. No caso vigués, tal e como explicou Abel Caballero na sesión, xa está en vigor unha ordenanza municipal reguladora da convivencia cidadá e do ocio.

A Comisión de Seguridade e Convivencia Cidadá da FEMP considerou que non é posible admitir un contexto de seguridade e civismo onde a convivencia estea ausente. Por iso, dentro do seu Plan de Actividades de 2008, aprobouse pór en marcha estudos técnicos que promovan e fomenten a convivencia cidadá nos municipios.

Para acadalo, os membros da Comisión comprometéronse a enviar propostas e acordouse constituír dous grupos de Traballo Técnico, Xefes de Policía Local dos Gobernos Locais que constitúen a Comisión coordinados polo Secretario da mesma, que serán os receptores das proposicións, así como do seu estudo e viabilidade, dando lugar a un borrador que se presentou á Comisión de Seguridade e Convivencia Cidadá, para que sirva á potestade regulamentaria municipal e sexa competente como instrumento para canalizar as regras de xogo da convivencia cidadá.
Descargar todas as imaxes