Escoitar

O Pleno da Corporación acorda instar á Xunta de Galicia a garantir a gratuidade dos libros de texto

O grupo municipal do BNG presentou na sesión plenaria deste luns unha moción instando á Xunta a garantir a gratuidade dos libros de texto no vindeiro curso académico, acordo adoptado co apoio do grupo socialista e a oposición do Partido Popular. A concelleira de Benestar, María Méndez, asegurou que 20.000 escolares vigueses deixarán de recibir as axudas.

luns, 27 xul 2009
1248699969mendez.JPG
O Pleno da Corporación de Vigo acordou este luns instar á Xunta de Galicia a garantir a gratuidade dos libros de texto e do material curricular no vindeiro curso académico.

A moción presentada e defendida polo BNG saíu adiante cos votos favorables do goberno local e a oposición do PP. A concelleira de Benestar Social, María Méndez, argumentou que, coa decisión do novo goberno autonómico, o 75% dos pais non recibirán axuda algunha para os libros e 20.000 escolares vigueses que recibiron axudas anteriormente deixarán de recibilas.

Ademais, do 25% que optan as achegas da Xunta de Galicia, unicamente as percibirán os que ingresen ata 5.400 euros por persoa e ano, por debaixo do umbral da pobreza, situado nos 6.203 euros por persoa e ano. Méndez afirmou que quedarán fóra das axudas incluso persoas que non superen o devandito umbral.

A concelleira de Educación, Laura López Atrio, recordou que a educación é un dereito universal e asegurou que a decisión da Xunta de Galicia "é un paso atrás" neste eido. A edil abogou pola continuidade dunha prestación iniciada por Fraga na súa etapa ao fronte do goberno autonómico e consolidada no mandato de Pérez Touriño.

O grupo municipal do Partido Popular propuxo incluir unha enmenda no texto -que foi rexeitada- para o que o goberno local fixera fronte ao financiamento restante da devandita medida, unha achega que o PP estimou en 800.000 euros, e que podería provir da ampliación orzamentaria recentemente validada, segundo salientaron.

Outros acordos
Por outra banda, o Pleno da Corporación aprobou por unanimidade dúas mocións presentadas polo grupo do Partido Popular, instando ao Ministerio de Xustiza a por en marcha na cidade unha novo Xulgado de primeira instancia especializado en Familia; e condeando os ataques sufridos pola Presidenta de Galicia Bilingüe, mostrando a solidariedade do Pleno con Gloria Lago e esixindo que cesen os ataques que está a sufrir a Asociación no exercizo dos seus dereitos.
Descargar todas as imaxes