Escoitar

Santi Domínguez reclama a Xunta que "se tome en serio a Vigo" e cumpra os compromisos coa cidade

O tenente de alcalde, Santi Domínguez, reclamou este venres que o goberno do Partido Popular da Xunta de Galiza "se tome en serio a Vigo" e materialice os seus compromisos coa cidade. Ademais, no trancurso dun almorzo informativo con xornalistas, o concelleiro reiterou a súa vontade de que as relacións co Goberno autonómico sexan tan fluídas como o foron co anterior executivo "no que había relación directa cos directores xerais". Sen embargo, pensa que agora vai ser máis difícil porque "se nos pon unha delegada territorial para que sirva de tapón".

venres, 29 mai 2009
1243602909almorzoxornalistas.jpg
"En 3 anos, o bipartito fixo máis polos servizos sociais en Vigo que nos últimos dez anos do goberno do PP, e por iso pensamos que non podemos dar marcha atrás", destacou Santi Domínguez. "Hai que seguir apostando pola rede pública", subliñou, "e traballar para que a atención ás persoas menos favorecidas sexa tamén universal como na sanidade". Na súa intervención lembrou os servizos que na cidade se puxeron en marcha dende o anterior goberno da Xunta e sinalou que aínda a día de hoxe xa hai un centro de día rematado na rúa O Grove "pero que non se sabe cando se vai a abrir".

Santi Domínguez expresou a súa esixencia de que o goberno da Xunta do PP aposte polos sectores produtivos. "Queremos ver ao conselleiro de Industria en Vigo, traballando e apostando polo sector naval", salientou. Asemade, destacou que o BNG quere ver en Vigo á directora xeral de Comercio e á directora xeral de Turismo "colaborando co noso Plan de Competitividade Turística, co Vigo Conventio Bureau e apostando polas novas liñas internacionais para Peinador".

No tocante á creación da delegación territorial para Vigo, o tenente de alcalde cualificou o procedemento seguido polo Partido Popular de "auténtica chapuza política", xa que ao seu xuízo levou á cidadanía "a máis completa confusión". "A día de hoxe, os vigueses e viguesas non saben cales son os servizos que terá Vigo", indicou. Afirmou que o novo goberno autonómico tamén crea confusión respecto ao tema da austeridade, en tanto que non cumpren o seu compromiso electoral de reducir os gastos co seu modelo.

"Teñen que gobernar e dicirlle á cidadanía que modelo de país queren. Se tiveran claro o modelo territorial non dirían distintas cousas en sitios diferentes", destacou. Neste sentido o tenente de alcalde indicou que deben aclarar o papel das deputacións e das áreas metropolitanas. "O PP ten que levar o seu modelo ao Parlamento para debatilo e que se deixen de marear a perdiz", sinalou. Segundo Santi Domínguez, o PP en Pontevedra "ten o problema de duplicar dous organismos ou de deixar sen poder a Louzán, privándoo de facer política partidista". A este respecto manifestou que para o PP "o máis importante non é a cidadanía, senón o nicho de poder que lle da a Deputacion".

Santi Domínguez subliñou que o PP na Xunta "ten que gobernar porque xa non está na oposición, posto que así o decidiu a cidadanía". "En Santiago non pode facer o mesmo que en Vigo, levantarse, marchar e non debatir", sinalou. Ao seu xuízo "é lamentable que en 2 anos abandonaran o pleno de Vigo 3 veces", posto que este Concello é o que máis tempo permite á oposición, cun total de 18 minutos por moción e despois de que o propio goberno escoitara insultos por parte de concelleiros do PP "e non nos levantamos e marchamos, senón que argumentamos e debatimos".

Repecto ás declaracións da presidenta da Autoridade Portuaria sobre as ampliacións portuarias, Santi Domínguez salientou que sen terse reunido co alcalde da cidade, co tenente de alcalde, cos sindicatos e coa plataforma en defensa da ría "é moi rápido dicir que imos facer obras custe o que custe". O tenente de alcalde dixo que a Autoridade Portuaria "nos vai ter ao seu lado sempre e cando se primen os criterios medioambientais".

O nacionalista considera que "non é unha mala noticia a elección da opción dos pilotes" para a ampliación do Areal. Reiterou que as actuacións non se poden desenvolver en base a criterios económicos, senón de respecto polo medio ambiente e a preservación da ría. Sen embargo, quixo tamén salientar que o Plan de Usos non so sirve para facer obras, senón tamén para racionalizar os espazos portuarios e abrir o Porto á cidade. Neste sentido destacou que a presidenta do Porto non so pode escoitar aos empresarios, !cos seus lexítimos intereses de máis ampliacións", senón que "tamén hai outras partes da sociedade ás que hai que atender".

Engano nos prazos do AVE
No tocante á chegada do AVE á cidade, lembrou a intervención do ex deputado do BNG no Parlamento español, Paco Rodríguez, na que dicía que era preciso esquecerse do 2012 e reclamar a Fomento pazos cribles e unha temporalización clara e a reclamación posterior do ex vicepresidente da Xunta Anxo Quintana da creación dunha comisión de seguimento. "O tempo danos a razón e a conclusión á que chegan a cidadanía de Vigo e de Galiza é que nos enganaron", salientou. O tenente de alcalde cre que houbo intereses electorais a respecto dos prazos do AVE, tanto por parte do Partido Popular como do PSOE, porque resulta "curioso" que se anuncien as novas previsións desta obra unha vez que pasaron as eleccións autonómicas.

Na súa opinión, hai outro aspecto que resulta sospeitoso e é a connivencia que parece existir por parte dos actuais responsables da Xunta. Segundo Santi Domínguez, o que tería que facer o presidente Alberto Núñez Feijóo "é estar en Madrid reclamando que se poñan os cartos que fagan falta enriba da mesa e que se establezan prazos cribles", salientou.

Indicou asemade que Núñez Feijóo "tiña que estar reclamando servizos de cercanías, porque estamos á cola das comunidades do estado español e recibimos o que non queren noutros sitios". Respecto a estación temporal de Guixar, que se acaba de licitar, propuxo que se aproveite a ocasión "para abrir un acceso directo dende a autoestrada". Ademais, reclamou que se acondicione "da mellor forma posible para que siga existindo posteriormente como estación de proximidade e futuro enlace metropolitano". Ao seu xuízo "resulta fundamental facer infraestruturas que cohesionen e vertebren o territorio".

Descargar todas as imaxes