Escoitar
As actividades enmárcanse no Día Mundial da Auga, que se celebra o 22 de marzo

O Concello organiza mañá mércores coloquios e obradoiros para nenos sobre o uso responsable da auga

As actividades, presentadas hoxe martes pola concelleira de Medioambiente, Sanidade e Consumo, Chus Lago, serán de balde e procuran que nenos e maiores entendan a importancia dun uso axeitado do recurso. Expertos ofrecerán charlas-coloquio para os maiores e os nenos teñen programado un contacontos, xogos e aulas de natureza sobre a auga. Os asistentes que participen mañá mércores, 18 de marzo ás 18:30h en VigoZoo, serán agasallados con entradas para o Zoo e perlizadores para as billas

martes, 17 mar 2009
1237297749agua.JPG
A Concellería de Medioambiente, Sanidade e Consumo do Concello de Vigo ofrece de balde distintas actividades por mor do Día Mundial da Auga co obxectivo de concienciar a nenos e maiores sobre o uso responsable deste preciado recurso.

Así, mañá mércores, 18 de marzo, o Salón de Actos de VigoZoo acolle ás 18:30h dúas charlas-coloquio de acceso gratuito sobre o uso responsable da auga e sobre as fontes municipais ofrecidas por expertos en educación ambiental e profesionais do Laboratorio Municipal do Concello de Vigo.

De xeito paralelo, a aula anexa de VigoZoo albergará á mesma hora as actividades para os nenos, que consitirán nun contacontos impartido por un profesional experto en animación sociocultural, o xogo "Convértete nunha pinga de auga" e un aula de natureza.

As actividades, organizadas pola Concellería que dirixe a socialista Chus Lago en colaboración coa Asociación de Oceanógrafos de Galicia, teñen un enfoque práctico e procuran informar das pequenas accións que cada cidadán ou cidadá pode levar a cabo na súa casa para aforrar auga.

Agasallos
Baixo esta vocación, a Concellería de Medioambiente, Sanidade e Consumo agasallará aos asistentes ás actividades do próximo mércores cun perlizador para minimizar as perdas de auga nas billas das nosas casas.

Ademáis, os participantes recibirán asemade un CD cun programa informático que axuda a calcular e avaliar os litros de auga que consumimos e unha invitación para o VigoZoo, que poderá ser canxeada no prazo dun mes.

Dia Mundial da Auga
A Asemblea Xeral das Nacións Unidas adoptou o 22 de decembro de 1993 a resolución A/RES/47/193 pola que o 22 de marzo de cada ano foi declarado Día Mundial da Auga, a celebrarse a partir de 1993, en conformidade coas recomendacións da Conferencia de Nacións Unidas sobre Medio Ambiente e Desenvolvemento contidas no Capítulo 18 (Recursos
de Auga Doce) da Axenda 21.
Descargar todas as imaxes