O novo xerente de Provigo terá como "gran obxectivo" elaborar o plan estratéxico da cidade

O alcalde presidíu este martes a reunión do Padroado da Fundación que nomeou a José Armesto Pina novo xerente de Provigo. Abel Caballero explicou que os retos principais nesta nova etapa da entidade serán elaborar un novo plan estratéxico para Vigo e retomar o papel de Provigo como "elemento dinamizador do aeroporto", polo que se reactivarán os contactos con aeroliñas para acadar acordos.

martes, 3 mar 2009
1236090151funda.jpg
O alcalde de Vigo, Abel Caballero, presidíu este martes a reunión do Padroado da Fundación Provigo que nomeou por unanimidade ao economista José Armesto Pina novo xerente da entidade. O rexedor adiantou que os retos que afronta Provigo nesta nova etapa son elaborar un novo plan estratéxico para a cidade e retomar o papel de "dinamizador do aeroporto".

O alcalde salientou que Armesto Pina, proveniente do Consello Económico e Social de Santiago, superou ás outras 200 candidaturas presentadas e "reúne todas as características" para levar adiante a Fundación "de forma moi eficaz".

Nesta nova etapa, o alcalde salientou que "o gran obxectivo da Fundación Provigo" pasa por elaborar un novo plan estratéxico para a cidade que abranga ata o horizonte de 2016-2020, xa que o actual remata no 2012. Abel Caballero sinalou que, para desenvolvelo, se partirá do documento actual e pivotará sobre a Universidade de Vigo, para que actúe como elemento de confluencia entre a chamada triple hélice: a Universidade, a empresa e a administración.

O segundo elemento chave apuntado polo rexedor local para Provigo será reactivar o seu papel "como elemento dinamizador do aeroporto", o que se torna máis importante que nunca debido á actual situación económica. A pretensión do alcalde é retomar os acordos coas empresas aéreas para promocionar Peinador, para o que os orzamentos da Fundación reservan 500.000 euros.

A este respecto, o alcalde apuntou que ten enriba da mesa unha proposta de axuda para establecer un novo destino no aeroporto vigués, aínda que especificou que, de ser subvencionada, correría a cargo dos orzamentos da Fundación. Abel Caballero non descartou as achegas si "contribúen ao desenvolvemento económico da cidade". De todos os xeitos, o rexedor aclarou que "as axudas serían temporais e só para o establecemento da empresa".
Descargar todas as imaxes

Máis información