Escoitar

Santi Domínguez anuncia un investimento de 6 millóns de euros para dotacións deportivas en Navia

O tenente de alcalde de Vigo, Santi Domínguez, anunciou hoxe oito expedientes de contratación para a execución de 13 obras na cidade este ano, cun investimento total de 18,3 millóns de euros, dentro do Plan Estatal de Fondo de Investimento. Son proxectos xa referendados e aprobados polo Goberno do Estado. Domínguez considera que as liñas a seguir neste momento polo Concello eran "continuar coas obras na cidade (do que se ocupa Vías e Obras), porque tiñamos claro que hai que seguir humanizando xa que sempre fomos grandes defensores das humanizacións, continuar coa reforma do Casco Vello e reforzar as infraestruturas culturais e deportivas".

xoves, 15 xan 2009
1232027863navia150109.jpg
As áreas nacionalistas do goberno vigués acometerán a eliminación de barreiras arquitectónicas en edificios e dependencias municipais (2,1 millóns), a construción dun polideportivo (4,6 millóns) e un campo de fútbol (1,4 millóns) en Navia, a adaptación de locais para unha biblioteca en Martínez Garrido (457.000 euros), reformas no Casco Vello (8,6 millóns) e musealización dos restos arqueolóxicos do Castro (1,1 millóns).

Xunto co concelleiro de Deportes, Xabier Alonso, o tenente de alcalde presentou hoxe as actuacións no plano deportivo. Domínguez explicou que a decisión de apostar nas infraestruturas deportivas por Navia é por ser esta "unha barriada que vai ter un importantísimo aumento de poboación. Así damos o pistoletazo de saída ao gran proxecto de área deportiva que xa anunciamos durante a campaña electoral do BNG; era o noso compromiso e con el damos resposta ás demandas do barrio", dixo. O tenente de alcalde asegurou ademais que o complexo deportivo

planeado e cuxa primeira fase comeza co pavillón e o campo de herba sintética "será o segundo mellor de Vigo tras o de Travesas".

O pavillón, primeiro que se construirá tras o de Bouzas (en 2002, tamén co impulso do BNG no goberno), terá unha capacidade para 1.500 espectadores, e dotarase con ximnasio, enfermería, ascensor, oito vestiarios, sala de control antidopaxe e bancada móbil para 384 espectadores. Anexo ao polideportivo estará o campo de fútbol, de 104x63, para 413 espectadores.

O concelleiro de Deportes, Xabier Alonso, lembrou que con estas actuacións "Vigo afronta o ano do cambio nas infraestruturas deportivas da cidade". Para sustentalo, o concelleiro fixo referencia ao convenio pactado coa Dirección Xeral para o Deporte, polo que se acometerá a reforma integral do estadio de atletismo de Balaídos e construirase un pavillón en Candeán, ademais doutras actuacións en marcha, como a nova herba sintética para o Baltasar Pujales boucense, o arranxo dos campos de Samil e As Travesas ou as dúas piscinas en construción en Barreiro e A Miñoca.

Alonso agradeceu a "sensibilidade especial do tenente de alcalde para co deporte nunha cidade eminentemente deportiva e exemplo dentro do Estado". Ademais, asegurou que o proxecto de Navia suporá ter un "segundo polo deportivo da cidade tras As Travesas", ao contar tamén Navia nas seguintes fases de desenvolvemento da dotación deportiva con pistas de padel, piscina olímpica e outras instalacións previstas. O campo de fútbol dará servizo a clubs de Navia, Alcabre, Balaídos e Coia.

Santi Domínguez, ademais, anunciou que nos próximos días proporá á Deputación a firma dun convenio para o impulso dos grandes focos deportivos futuros de Navia e Valadares (Cidade do Deporte). A Deputación fixo o anuncio hai poucos días de que quería investir 25 millóns en Navia. "O noso de Navia é un proxecto co procedemento administrativo xa iniciado e que ten 5 millóns consignados", declarou hoxe Santi Domínguez. Segundo explicou, "nos orzamentos da Deputación non atopamos ningunha partida de 25 millóns de euros para Navia, pero confiamos en que ese anuncio que fixeron non fose un bluf e se eles están dispostos a investir en Vigo, non seremos nós os que nos opoñamos. Por iso ofrecerémoslles un convenio para o apoio deses focos principais", subliñou o tenente de alcalde.
Descargar todas as imaxes