Escoitar

O Concello de Vigo e a Cámara Muncipal de Porto asinan un protocolo de colaboración

xoves, 29 mar 2001
O alcalde de Vigo, Lois Pérez Castrillo, e o presidente da Cámara Municipal do Porto, Nuno Cardoso, asinaron un protocolo de colaboración para crear unha Comisión Paritaria de Traballo constituída por representantes dos dous municipios, co obxectivo de promover o desenvolvemento de proxectos comúns.

Os contidos deste protocolo ”servirán de intercambio de experiencias entre os dous concellos como un paso máis de achegamento entre as institucións á hora de conseguir a cohesión da Eurorrexión”, explicou Lois Pérez Castrillo. ”Desde hai bastantes anos as dúas cidades comparten proxectos de futuro nos sectores económico, social, cultural e de xuventude enmarcados na Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal”, proseguiu.

A elaboración de propostas técnicas necesarias para encontrar as solucións máis apropiadas á rede de infraestructuras ferroviarias entre as dúas cidades, co fin de trasladalas con posterioridade ás entidades nacionais, rexionais e europeas: a promoción do establecemento de acordos que permitan a realización de accións comúns ou a adhesión a algúns dos eventos xa previstos, no ámbito do ”Porto Capital Europea da Cultura 2001”, así como a organización de xornadas para dar a coñecer a capacidade de colaboración para definir unha extratexia común no sentido do desenvolvemento do marco político e económico da Eurorrexión son outros dos puntos acordados entre ambos representantes políticos.

No marco das iniciativas comunitarias de apoio ós países máis desfavorecidos, e no que respecta ás iniciativas transnacionais xestionadas polos municipios ou administracións locais, decidiron estudiar propostas de traballo conxuntas en programas que, utilizando a fórmula de partenariado, promovan o desenvolvemento de Vigo e Porto no marco da Eurorexión.

Este protocolo contribuirá ó ”estreitamento de lazos entrámbalas cidades e á cohesión dese espacio común integrado por Galicia e o norte de Portugal coa consolidación de proxectos de colaboración”, afirmou o alcalde de Vigo.

Pola súa parte, Nuno Cardoso, destacou a necesidade de que, desde un punto de vista institucional, se profundizase na ligazón de Vigo e do Porto e se incrementase o intercambio económico. A articulación do eixo Galicia-norte de Portugal é fundamental para o desenvolvemento desta zona, e xa que ”Vigo e Porto están cada vez máis próximos é necesario profundizar nas relacións entre estas cidades con grandes semellanzas”, concluiu Cardoso.