Escoitar

O servicio de información ó cidadán 010 recibe máis de 11.500 chamadas en tres meses

xoves, 29 mar 2001
A concelleira de Participación Cidadá, Mariló Cabaleiro, presentou o balance dos primeiros tres meses do servicio telefónico de atención ó cidadán 010 que ofrece resposta ás queixas, suxestións e preguntas formuladas.

Con este programa evítanse os desprazamentos innecesarios dos cidadáns ata as dependencias do Concello de Vigo para efectuar consultas de cara á súa tramitación. Consiste na atención personalizada, mediante chamada telefónica do cidadán ó número 010, en horario de 8:00 a 20:00 de luns a venres, e de 10:00 a 14:00 os sábados.

A información municipal está centralizada neste servicio, a través do que se poden realizar consultas sobre trámites, presentar queixas e suxestións por parte dos interesados, que redundan na actualización constante da súa base de datos.

Nos tres primeiros meses de entrada en funcionamento rexistráronse 11.572 chamadas, emitíronse 876 e déronse 486 respostas de avisos. A maioría das chamadas proveñen de Lavadores, Coruxo e Santo Tomé de Freixeiro.

A finais da primavera incrementarase o número de persoal que atende as chamadas que, ata o de agora, son catro operadoras telefónicas que reciben o maior número de chamadas de 11:00 a 14:00 horas.