Escoitar

Aprobada a convocatoria de subvencións para os clubes deportivos

martes, 27 mar 2001
O Concello de Vigo aprobou as bases e o baremo da convocatoria de subvencións, dotada cunha contía de 75 millóns de pesetas, para os clubes deportivos federados de Vigo na tempada 2000-2001.

O obxectivo desta convocatoria é realizar unha acción de fomento das perto de 300 entidades de distintas modalidades deportivas, consonte cuns criterios que clasifican os clubes en tres categorías como son os equipos de elite, deportes minoritarios e deportes maioritarios.

Por cada xogador dos clubes de elite de Vigo e da súa área de influencia outorgarase unha subvención de 100.000 pesetas. Subvenciónase tamén o alugueiro de instalacións ata un máximo dun millón de pesetas e os desprazamentos fóra da cidade ata 2,5 millóns de pesetas. Valóranse os monitores titulados que teña o clube ata un máximo de 500.000 pesetas, entendéndose que son os que teñen responsabilidades docentes, ou de adestramento no clube que se barema.

En relación co apartado de deportes maioritarios valóranse as modalidades de fútbol, fútbol sala, baloncesto e balonmán cunhas cantidades segundo a categoría na que participe. Subvenciónanse os gastos por aluguer de instalacións ata un máximo de 300.000 pesetas e o número de monitores titulados de que dispoña o clube ata un importe máximo de 150.000 pesetas. Neste apartado inclúense as modalidades de atletismo, balonmán, fútbol, fútbol sala, baloncesto, ciclismo, hoquei patíns, patinaxe, voleibol, rugbi e ximnasia rítmica.

No referente ó apartado de deportes minoritarios tense en conta o número de licencias segundo as distintas categorías que van desde as 2.000 ata as 5.000 por cada unha, ata un máximo de 100.000 pesetas. Valórase o aluguer de instalacións ata un máximo de 300.000 pesetas. A esta categoría corresponden as modalidades de automobilismo, bolos, boxeo, iudo, karate, loita, motonáutica, bicicletas de montaña, natación, pelota, pesca, petanca, subacuático, tiro con arco, triathlón, vela, xadrez, taekwondo, badminton, béisbol, deportes para diminuídos físicos e psíquicos, espeoloxía, halterofilia, golf, hípica, montañismo, motociclismo, piragüísmo, remo, squash, surf, tenis, tenis de mesa, tiro olímpico e hocquei herba.

Valoraranse tamén aqueles equipos das tres categorías que organicen eventos, participen en actividades ou torneos non contemplados nos criterios anteriores ata un máximo de 250.000 pesetas.