Escoitar
O acto de imposición será o martes 27 de marzo no Centro Cultural Caixanova

Moción do alcalde sobre a concesión da Medalla da Cidade

luns, 26 mar 2001
O alcalde propúxolle ó Pleno da Corporación que se lle outorgue á Escola de Enxeñería Técnica Industrial de Vigo a medalla da cidade polos seus cen anos de servicio a Vigo, nos que se converteu en xérmolo da actual Universidade, formando persoal cualificado que contribuiu ó desenvolvemento industrial da comarca.

Hai agora cen anos que naceu, coa denominación orixinal de Escola das Artes e Industrias, a que co paso do tempo os vigueses e viguesas coñecerían popularmente co nome de ”Escola de Peritos”. Neste século de vida ese centro preparou tecnicamente ás persoas que despois formarían os cadros cualificados das empresas da nosa cidade.

A primitiva Escola das Artes e Industrias xurdiu nunhas circunstancias económicas e sociais moi específicas. Daquela, Vigo comezaba a conformarse como o que agora é: unha gran cidade de base industrial asentada nunha localización estratéxica, á beira dunha vizosa ría que ademais de ser unha fonte de recursos facilitou as súas relacións comerciais. Compría a creación dun centro educativo que ofrecese a formación que as empresas emerxentes necesitaban. Ese foi o argumento que utilizou a raíña rexente para xustificar a implantación da Escola: ”a necesidade de que a numerosa clase obreira recibise unha axeitada instrucción técnica”.

A Escola cumpriu á perfección a súa misión formativa: primeiro baixo o mecenazgo dos herdeiros de García Barbón, despois co apoio das institucións da cidade, incluído o Concello, que cedeu os terreos onde agora se asenta. Na actualidade, a Escola ten un prestixio alén a nosa comunidade e a proba é que os seus alumnos son demandados non só pola industria viguesa senón por empresas doutros puntos do Estado.

Outra virtude deste centro foi o de servir como precursor no proceso de implantación da xove Universidade de Vigo. A Escola foi o primeiro centro de rango universitario da nosa bisbarra.

É xusto que o Concello honre no seu centenario á Escola de Enxeñería Técnica Industrial, porque ó facelo recoñecerá o labor desenvolvido durante todo un século polo seu corpo docente, lembrará ós centos de vigueses e viguesas que pasaron polas súas aulas e desmostrará o seu aprecio polos beneficios que o centro reportou para o desenvolvemento industrial da cidade.