Escoitar

César Portela construirá o Auditorio e Pazo de Congresos de Vigo

xoves, 29 mar 2001
imx75.jpg
J.V.Landín
O proxecto do arquitecto César Portela resultou gañador do concurso para a construcción dun auditorio-pazo de congresos na avenida de Beiramar de Vigo, por considerar que é o anteproxecto que proporciona a resposta máis axeitada á súa finalidade. Deste xeito recóllese no acordo do xurado do concurso que se deu a coñecer o día 28 no decurso dun acto que tivo lugar no museo de Castrelos no que estiveron o alcalde de Vigo, Lois Castrillo, o concelleiro de Novos Proxectos, Carlos Príncipe e o conselleiro de Política Territorial, Xosé Cuiña.

O proxecto gañador propón substituír a edificación existente por un novo edificio que conservará a memoria urbana de Vigo, ofrecendo unha imaxe compacta e unitaria que a través dunha pel metálica exterior, evoca o antigo uso industrial, en coherencia co contorno portuario.

O acordo do xurado sinala que “tratándose dun volume de importante presencia, contén evidentes valores de poética arquitectónica, lograda por un sutil veo unificador pero cambiante, que transforma a presencia do edificio no contorno da cidade e a ría, segundo sexa o grao de incidencia da luz solar, ou da noite. O edificio atrae para si o mar durante o día, e ofrécese escintilante a toda a ría durante a noite, constituíndo en todo momento un fito urbano de singular valor, sen que a contemporaneidade da proposta implique renunciar a conceptos asumidos de tradición arquitectónica”.

A proposta gañadora, segundo o xurado, unifica a expresión das diversas funcións, mediante un tratamento unitario que ademais de establecer un diálogo coa arquitectura industrial, permite introducir no edificio imaxes singulares da ría de Vigo, a través dun enorme oco. O interese deste enorme oco e dos grandes espacios propostos xustifican a opción de substituír o edificio e non optar pola rehabilitación do anterior.

Por último, o acordo do xurado manifesta que o proxecto gañador resolve de modo suxestivo e integrador a incorporación do edificio no seu contorno, recorrendo a un gran espacio interior aberto ó exterior que comunica visualmente a ribeira do mar coas abas do Castro, artellando espacios libres de integración directa entre a edificación proxectada e os espacios urbanos inmediatos.
Descargar todas as imaxes