Escoitar

O alcalde anuncia que a declaración ambiental do AVE so está pendente do estudo arqueolóxico

Abel Caballero asegurou este xoves que a definitiva declaración de impacto ambiental do traxecto da Alta Velocidade a Madrid por Cerdedo se atopa na súa última fase, pois será ratificado cando conclúa o estudo arqueolóxico. O alcalde adiantou ademais que o túnel de entrada a Vigo non precisará dunha nova declaración ambiental e a exención da mesma é "inminente".

xoves, 30 out 2008
1225375133P5050013.jpg
O alcalde de Vigo, Abel Caballero, destacou hoxe xoves que o traxecto da Alta Velocidade de Vigo a Madrid directo por Cerdedo conta con "todo o respaldo político" e coa "celeridade absoluta" do goberno de España, xa que a declaración de impacto ambiental do tramo se atopa na súa última fase, unicamente pendente do estudo arqueolóxico.

O rexedor salientou a "ratificación importante e moi substancial" do traxecto efectuado onte pola ministra de Fomento, que asegurou unha vez máis a conexión directa con Madrid por Cerdedo. Ademais, Abel Caballero citou a confirmación realizada en Vigo polo número dous do PSOE, José Blanco, quen afirmou que o día que a Alta Velocidade chegue a Galicia tamén o fará a Vigo.

Abel Caballero avanzou que o tramo directo por Cerdedo "goza dunha magnífica saúde" e que Vigo será "a primeira gran cidade de Galicia" á que chegue o tren de Alta Velocidade.

Por outra banda, o alcalde tamén subliñou que o túnel de entrada do tren ao centro da cidade desde Redondela atópase "no vértice do seu inicio", xa que é "inminente" a exención dunha nova declaración de impacto ambiental do proxecto.

O mandatario local avanzou que "en breve" entrará en contacto co arquitecto encargado do deseño da nova estación intermodal de Urzaiz, o estadounidense Thom Mayne, para coñecer as súas primeiras ideas sobre a instalación.
Descargar todas as imaxes