Escoitar

María Méndez impulsa a colaboración cos centros educativos para atallar situacións de menores en risco

A concelleira de Benestar Social, María Méndez, salientou este mércores a súa aposta pola colaboración entre os servizos municipais de Benestar Social e os equipos de dirección e orientación dos centros educativos da cidade para abordar os mecanismos de intervención cos menores.A edil mantivo hoxe un encontro de traballo cos directores e directoras, así como cos responsables dos equipos de orientación, de centros de ensino de primaria e secundaria para avanzar nesa colaboración e atallar situacións de menores en risco social.

mércores, 29 out 2008
1225290409reuniondirectores1.jpg
"Na Concellería de Benestar Social cremos que é fundamental contar coa vosa colaboración para dar solución aos problemas que xurden", subliñou María Méndez, quen resaltou que precisamente os centros de ensino son os espazos nos que en primeiro lugar se detectan as situacións de risco dos menores. Así, salientou que arredor dun 55 por cento das acción que se levan a cabo dende o programa de intermediación familiar, desenvolvido a través da Fundación Aldaba, proceden dos casos derivados polos centros educativos. Ao respecto, a edil nacionalista subliñou que para dar unha "solución acaída" é preciso a estreita colaboración entre as persoas responsabeis dos colexios e a Concellería de Benestar Social.

María Méndez explicou que no que vai deste ano 2008 o programa de intermediación familiar, integrado por un equipo multidisciplinar de catorce profesionais, atendeu 223 familias e 387 menores, dos que 54 corresponden a nenos e nenas de educación infantil, 167 de educación primaria, 130 de educación secundaria e 16 de adolescentes de idade entre 16 e 18 anos. "Cando se intervén nos primeiros momentos dos conflitos, somos conscientes de que se poden paliar as consecuencias dos riscos e mellorar a situación dos menores", indocou. Neste sentido, a concelleira de Benestar Social explicou que ademais de atender as situacións de conflito e risco, o servizo municipal tamén desenvolve actividades preventivas, potenciando os factores que teñen as propias familias para solventar as súas situacións problemáticas. A concelleira do BNG sinalou así mesmo que Benestar Social ten asinados convenios de colaboración con dúas asociacións para desenvolver programas destinados a menores; un deles é o convenio asinado co Plan Comunitario de Teis, que atende a 20 menores e co que se traballa con familias desestruturadas; o outro convenio é o asinado coa asociación Abertal, e mediante o cal se atenden 46 menores.

"Na situación de crise que estamos vivindo dende o BNG non queremos que disminúa a calidade de vida dos colectivos menos favorecidos", indicou a concelleira de Benestar Social. Neste sentido salientou que na área de familia e infancia os orzamentos incrementáronse un 15 por cento, ao pasar dos 400.000 aos 460.000 euros. "O feito de que a crise afecta ás familias xa se nota nas distinas áreas de Benestar Social e probablemente a partir de agora notarase máis en atención primaria", sinalou María Méndez, quen subliñou que a aposta polo Benestar Social "ten que reflectirse nos orzamentos".

No tocante á inmigración salientou que o Concello de Vigo conta con 14.000 e emigrantes retornados ou inmigrantes empadroados, polo que o traballo na integración "resulta fundamental para evitar problemas futuros". A concelleira de Benestar Social lembrou que xa no programa de BNG especificábase a aposta por estas áreas, que se materializou coa convocatoria do Foro das Migracións o pasado mes de abril e na creación do Consello Municipal da Migración, que xa foi aprobado en pleno. Neste sentido fixo referenza ao programa de formación de mediación intercultural que está levando a cabo o seu departamento, que incide nos eidos educativo, sanitario e de xénero. "Para desenvolver estas iniciativas consideramos fundamental contar coa participación dos equipos directivos dos centros de ensino da cidade", salientou a edil nacionalista.
Descargar todas as imaxes