Escoitar

A Patrulla Medioambiental xa recabou datos de 114 empresas para evitar os verquidos ao Lagares

A Patrulla Medioambiental do Concello de Vigo está a recabar datos da situación administrativa de todas as industrias emprazadas á beira do Lagares no tocante ás licenzas de actividade e de verquidos. O obxectivo é obter unha composición de lugar do estado das empresas e instar as mesmas a cumprir a lagalidade para evitar os verquidos ao río.

martes, 28 out 2008
1225201818font.JPG
O concelleiro de Xestión Municipal, Carlos L. Font, e o oficial coordinador da Patrulla Medioambiental, Julio Casal, explicaron este martes o protocolo de actuación que se está a levar a cabo para determinar o estado legal das empresas próximas ao Lagares e evitar os verquidos ao río.

O edil explicou que son xa 114 as empresas que facilitaron os seus datos aos axentes da Patrulla que os visitaron, un procedemento "non sancionador" que comezou no nacemento do Lagares, percorreu todo o traxecto do río e que actualmente opera no polígono do Caramuxo ata acadar a desembocadura.

En colaboración con Augas de Galicia e a Xunta de Galicia, o Concello está a recabar esta información como "política preventiva e de aviso ás empresas", indicou Font, para que todos teñan regularizada a súa situación administrativa e poñer fin aos verquidos ao Lagares.

O obxectivo do Concello é obter unha radiografía da situación administrativa das industrias, co traballo dos 12 axentes da Patrulla Medioambiental. Segundo explicou o concelleiro, estes datos son remitidos ao Laboratorio Municipal, quen se encargará da súa efectiva comprobación e, no caso das entidades que carezan das licenzas correspondentes, instalas a legalizar a súa situación.

Carlos L. Font quixo salientar o traballo da Patrulla Medioambiental, quen conseguiu concienciar ás industrias e subliñou a "colaboración" mostrada polas mesmas no procedemento. Igualmente recoñeceu a cooperación de Augas de Galicia e a Xunta de Galicia neste proceso.
Descargar todas as imaxes