Escoitar

A Corporación aproba por unanimidade expropiar vivendas en ruínas para ser rehabilitadas<br />

O Pleno da Corporación aprobou este luns por unanimidade a nova ordenanza que regula o contido e o funcionamento do rexistro municipal de soares e edificios a rehabilitar. Esta ratificación definitiva permite ao Concello instar aos propietarios á conservación en bo estado dos inmobles ou proceder a súa expropiación forzosa.

luns, 27 out 2008
Os tres grupos políticos con representación municipal, PSOE, BNG e PP, votaron hoxe luns a prol da ordenanza definitiva que permitirá ao Concello expropiar edificios para ser rehabilitados cando os seus propietarios incumpran a súa obriga de conservalos en bo estado.

Esta ratificación definitiva da ordenanza tivo lugar na sesión plenaria ordinaria deste luns, tras a súa aprobación o pasado xoves, 23 de outubro, no Consello da Xerencia Municipal de Urbanismo.

Segundo a nova regulación, o Concello poderá instar aos propietarios dos inmobles ao cumprimento da súa obriga de mantemento e conservación en bo estado das vivendas. De non ser así, o goberno procedería a súa expropiación forzosa para acometer a rehabilitación.

Rúa Valoutas
O Pleno da Corporación tamén ratificou na sesión deste luns o cambio de denominación de parte do Camiño de Casal, que pasa a chamarse co nome de Rúa Valoutas.

A Comisión Informativa de Cultura, en sesión do 20 de outubro, ditaminou favorablemente que se denomine Valoutas á rúa que comeza no número 44 da Avenida Santa Mariña e remata no número 14 do actual Camiño de Casal. Os departamentos municipais de Estatística e Normalización Lingüística emitiron informes que cualifican o axeitado do novo topónimo.

Mocións
A Corpopración aprobou a moción pola que se insta ao alcalde a que xestione coas compañías que operan en Peinador o mantemento de todos os voos e asegure a permanencia das rutas creadas nos últimos anos cara a súa consolidación. Tamén mendiante moción se insta ao Goberno Municipal á posta en funcionamento da totalidade dos colectores soterrados instalados na cidade e procurar o seu mantemento.

Sobre a moción grupo municipal do Partido Popular instando á convocatoria da Oferta de Emprego Pública coa reserva do 5% para persoas con discapacidade, o concelleiro de Persoal, Carlos López Fonte lembrou que a oferta sairá en datas próximas e que cumprirá os artigos da lei sobre a reserva de prazas para persoas con discapacidade. O concelleiro subliñou que haberá oferta de emprego nos anos 2008,2009,2010 e 2011.

A moción pola que se insta ó goberno municipal á construción dun campo e béisbol , acordouse que se construirá con aportación económicas municipais , da Deputación Provincial de Pontevedra e da Xunta de Galicia.