Escoitar

O tenente de alcalde presenta a oferta turística viguesa en Suiza a operadores e prensa especializada

No marco do Salón Internacional Suizo de Vacacións, o tenente de alcalde e concelleiro de Turismo do Concello de Vigo, Santi Domínguez, mantén ao longo do día de hoxe encontros profesionais cos operadores expertos no sector e a prensa especializada. O obxectivo destes encontros non é outro que presentar a ampla oferta turística da cidade de Vigo aos touroperadores e os medios centrados no turismo de ámbito internacional nunha xornada adicada unicamente aos encontros profesionais.

xoves, 30 out 2008
1225374752santisuiza.jpg
"Cos encontros mantidos queremos abrir novas oportunidades de negocio e de crecemento turístico para Vigo", salienta o tenente de alcalde, quen destaca que a xornada de hoxe do Salón Internacional Suizo de Vacacións só é accesible ás axencias de viaxe suizas e de maior prestixio internacional, os touroperadores e os xornalistas dos medios especializados. "Estamos traballando na promoción de todas as potencialidades da cidade, dende o seu patrimonio histórico e cultural ata o potencial natural e gastronómico", subliña Santi Domínguez.

A sexta edición do certame, que se celebra na cidade suiza de Lugano, acolle a un amplo número de visitantes procedentes da Suiza italiana, a Suiza xermana e o norte de Italia, o que supón un potencial de máis de sete millóns de habitantes cunha alta capacidade de gasto. Trátase dunhas das citas máis importantes do panorama turístico internacional no que as degustacións gastronómicas e os programas de exposicións dos distintos destinos turístico sucédense día a día.
Descargar todas as imaxes