Escoitar

O programa "Vigo a Escena" leva o teatro a Cabral e San Miguel de Oia o vindeiro domingo

A veciñanza de Cabral e San Miguel de Oia poderán gozar este domingo das representacións teatrais que integran a programación para adultos do "Vigo a Escena", que organiza a Concellería de Cultura do Concello de Vigo. No caso de Cabral, a compañía Sísifo Teatro interpretará a obra "Parella aberta", mentres que en Oia a compañía Teatro Avento levará a escena a obra "A insólita historia de Jimmy Pelostristes".

venres, 17 out 2008
As instalacións da Asociación de Veciños Santa Mariña de Cabral acollerán o domingo 19 de outubro, ás 19:00 horas, a montaxe "Parella aberta", dirixida por Manuel Camba e na que Rafa Costas e Marisa Prado interpretan a unha parella con fillos na que o home, Pío, racha co convencionalismo da fidelidade monógama.

O Teatro Avento interpretará no Centro Cultural de San Miguel de Oia, tamén o domingo 19 ás 19:00 horas, a obra "A insólita historia de Jimmy Pelostristes", un xornalista do diario local Towcity news. Trátase dun home normal que se ve envolto en acontecementos extraordinarios: roubos misteriosos, asasinatos estranos e perigosos mafiosos ao ritmo da música dos anos trinta. Neste caso, o elenco está formado por Beni A. Correa, Xoan Abreu, Marcos Alonso, Óscar Alonso, Jonathan Caramés, Merchy Lago, Santiago de Prado, Charo Rodríguez, Silvia Rodríguez, Gloria Sampedro e Natalia Villarino.