Escoitar

Santi Domínguez salienta o éxito do Salón de Denominacións de Orixe, que terá lugar do 21 ao 23 de outubro

O tenente de alcalde, Santi Domínguez, destacou este xoves o éxito que dende a primeira convocatoria, hai xa cinco anos, ten acadado entre os profesionais o Salón de Denominacións de Orixe e Delicatessen, que se celebrará entre o 21 e o23 de outubro no Instituto Feiral de Vigo. O tenente de alcalde tamén subliñou na presentación do evento, no que estivo acompañado pola responsable da empresa organizadora, Ana Montenegro, o director de Márketing de Caixanova, Jorge Santo e o xerente do IFEVI, Arsenio Prieto, que este certame estase a converter "nun clásico da programación do recinto feiral vigués".

xoves, 16 out 2008
1224168203Delicatesen.JPG
"Temos que aplaudir este salón das Denominacións de Orixe e Delicatessen porque non é doado presentar un certame tan específico e que ano a ano concite a presenza dos profesionais", destacou o tenente de alcalde, quen indicou que en tempos de crise é preciso "poñer a disposición dos sectores produtivos e industriais as ferramentas que permitan revitalizar os seus produtos". Ademais, salientou que, pese a crise, o IFEVI "goza de moi boa saúde". "Temos que alegrarnos de que siga sendo o recinto feiral máis importante de Galicia", subliñou Santi Domínguez, quen lembrou que nos vindeiros dez días sucederanse as feiras Stockaxe, Salón de Denominacións de Orixe e Delicatessen e Vigofeira.

A responsable da empresa organizadora, pola súa banda, deu conta das principais novidades da edición deste ano do salón. Ana Montenegro salientou que o salón chega a súa quinta edición con máis de catrocentas marcas representadas, arredor de sesenta expositores e vinte denominacións de orixe. A cata comentada de viños de Porto e o obradoiro de cócteles son dúas das principais actividades que se desenvolverán o martes 21 de outubro. O día seguinte, 22 de outubro, o prato forte será a celebración do seminario "A distribución. clave do éxito para o sector da restauración", así como as tertulias gastronómicas. Finalmente, a demostración gastronómica de Rafa Centeno, do restaurante Maruja Limón, Pepe Solla, de Casa Solla e Xosé Cannas, do restaurante Pepe Vieira, e a cata comentada dequeixos galegos integran parte das actividades que terán lugar o día 23 de outubro. Entre os organismos presentes no salón salientan Galicia Calidade, que conta con 39 marcas, e a Consellería de Medio Rural, con 17 consellos reguladores, ademais, tamén participará o Patronato de Turismo de Cáceres, con 10 consellos reguladores e entidades como Fegatur, entre outras.
Descargar todas as imaxes